ConcellosÚltima hora

Aceleración na recuperación económica e do mercado laboral na provincia

Son as conclusións do Observatorio Económico Ourensán, que adapta o seu formato ás novas tecnoloxías e pasa a ofrecer datos en tempo real
Manuel Baltar (en primeiro plano), acompañado por Andrés Mazaira.
Manuel Baltar (en primeiro plano), acompañado por Andrés Mazaira.

Melloras na economía e no mercado laboral. Son as principais conclusións do último informe do Observatorio Económico Ourensán sobre a provincia, presentado na mañá do mércores 26 de outubro, que agora tamén adapta o seu formato ás novas tecnoloxías e pasará a ofrecer datos en tempo real a través da web da Deputación de Ourense. O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, foi o encagado de falar de todo isto, acompañado polo profesor da Universidade de Vigo no campus ourensán, Andrés Mazaira.

A provincia está mellor que en 2015. Segundo reflicten os últimos datos do Observatorio, Ourense está a prolongar a duración e a intensidade dos períodos de recuperación económica e falan dun incremento nas afiliacións á Seguridade Social, que encadean oito trimestres consecutivos con subas nas taxas interanuais. A taxa de paro interanual rexistra 33 meses seguidos de descenso.

Por outra banda, o 40% dos municipios da provincia presenta saldo neto positivo nas afiliacións no acumulado de todo o ano, co liderado de San Cibrao das Viñas, cun 5,4% de incremento. Tamén se resaltou na presentación que a provincia rexistra hoxe 5.300 parados menos que hai sete meses. Actualmente hai 21.049 desempregados. En canto ao volume de exportacións, a economía ourensá pecha o período xaneiro-agosto cun superávit comercial situado no 170%, ao recadar 500 millóns de euros.

Pero isto non foi a única nova. O Observatorio renóvase e adáptase aos novos tempos. Así, o novo formato presentado no mesmo acto “permite actualizar en tempo real os datos socio-económicos da provincia para que cidadáns, empresas e administracións poidan consultalos en todo momento a través da web da Deputación de Ourense”, explicou Baltar. Unha ferramenta “aberta e participativa” que, segundo cre, afonda na “transparencia”.

Artigos relacionados

Back to top button