OurenseÚltima hora

“Acende o Xacobeo” ilumina a Catedral de Ourense

 

Na tarde do 26 de decembro iluminábase a Catedral de Ourense dentro do proxecto “Acende o Xacobeo”, que inclúe a iluminación de 92 monumentos singulares de toda España como conta atrás do inicio do Ano Santo o día 31 de decembro coa apertura da Porta Santa. O acto contaba coa asistencia do delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e da conselleira delegada do Xacobeo, Cecilia Pereira.

No caso do Camiño de Inverno, o edificio do concello de O Barco de Valdeorras, e na A Vía da Prata, a Igrexa de San Martiño da Gudiña, o Parador Castelo de Monterrei e a Colexiata de Santa María de Xunqueira de Ambía, locen iluminados dende o martes 22 de decembro.

Trátase de 42 monumentos representativos das diferentes rutas do Camiño de Santiago que pasan pola comunidade galega, aos que se suman 50 doutras 10 autonomías que colaboran na iniciativa.

 

 

A iluminación nos concellos galegos levarase a cabo en tres fases –desde hoxe ao 25 de decembro, do 26 ao 28 e do 29 ao 31- e de forma secuencial a través das distintas etapas das rutas xacobeas ata chegar á Catedral de Santiago evocando o percorrido que realizan os peregrinos. Así, os monumentos escollidos para cada fase iluminaranse de cor azul, coa proxección do logotipo do Xacobeo 2021 e a frecha amarela.

Ademais, na Torre do Reloxo da Catedral, coñecida como A Berenguela, proxectarase durante o período un vídeo de animación que tamén recreará a peregrinación a Compostela.

Á iniciativa sumáronse 10 comunidades autónomas –Andalucía, Aragón, Asturias, Cantabria, Castela e León, Estremadura, A Rioxa, Madrid, Murcia e Navarra- iluminando outros 50 monumentos, moitos deles vinculados ao Camiño de Santiago. Castela e León seguirá a mesma secuencia por fases que a comunidade galega e no resto de autonomías o acendido realizarase o 31 de decembro. No caso de Madrid, as iluminacións na glorieta de Atocha e no distrito de Fuencarral co logo do Xacobeo 2021 en gran formato estarán presentes durante todo o Nadal.

Artigos relacionados

Back to top button