ConcellosÚltima hora

Achegándose á aguia real, en Rubiá

A Casa da Cultura deste concello valdeorrés acollía na tarde do 23 de febreiro a xornada “A aguia real en Galicia. Bioloxía, situación e conservación”
Un dos ponentes desta xornada informativa celebrada en Rubiá.

A pesar do seu tamaño non é nada doado velas. “As aguias reais son moi desconfiadas, por iso non resulta fácil a súa observación”, aseguraba un dos ponentes da xornada informativa “A aguia real en Galicia. Bioloxía, situación e conservación”, que se desenvolvía na tarde do 23 de febreiro na Casa da Cultura de Rubiá.

No da súa exposición destacaban as características desta ave: a súa gran agudeza visual, as súas poutas poderosas para capturar as presas, o seu voo… Tamén se explicaba a súa forma vida, xa que poden chegar a vivir en liberdade ata 38 anos, o seu tipo de alimentación e a forma de cazar.

A aguia real (Aquila chrysaetos L.) atópase incluída no Catálogo galego de especies ameazadas dentro da categoría en perigo de extinción e tamén figura no anexo I da directiva europea relativa á conservación das aves silvestres (a chamada Directiva Aves). Por este motivo, é obxecto de medidas de conservación especiais en canto ao seu hábitat, co fin de asegurar a súa supervivencia e a súa reprodución na súa área de distribución.

 

Público asistente á xornada.

Esta xornada divulgativa impartida en Rubiá forma parte dunha campaña promovida pola Consellería de Medio Ambiente e que vai dirixida ao público en xeral e ao alumnado de ensino secundario naqueles concellos nos que se localizan algúns dos territorios nos que, tanto de forma histórica como na actualidade, está presente esta especie. A poboación de aguia real no conxunto da comunidade está composta por 13 parellas, segundo os datos do censo realizado en 2016.

Estas xornadas continuarán o 26 de febreiro na Aula Cemit de Quiroga e o 27 nas Casas da Cultura dos Concellos de Cervantes e de Viana do Bolo, respectivamente. A última sesión terá lugar o día 28 en Laza (Ourense).

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button