ConcellosÚltima hora

Achegándose ao decenio

IX edición da Festa do Cordeiro, o 17 de maio en Larouco
Bandexa de cordeiro na pasada edición./ Foto Carlos G. Hervella
Bandexa de cordeiro na pasada edición./ Foto Carlos G. Hervella

Sen cambios con respecto á pasada edición. Así se presenta a IX Festa do Cordeiro, a xuntanza gastronómica que se celebrará o sábado 17 de maio a partires das 14h. coma sempre no pavillón de deportes de Larouco, acondicionado para a ocasión coma se dun gran restaurante se tratase.

Con respecto ao menú tamén se mantén como nas últimas edicións. Comezarase cunha boa ración de xamón asado con pementos e empanada, para continuar co prato forte do xantar, o cordeiro asado no forno da panadería do pobo, acompañado con ensalada como guarnición. De postre bica, e para beber, viño da comarca, café e licores, sen esquecer o pan.

O prezo do menú será de 15 euros e as entradas poderán recollerse ata o 13 de maio nos establecementos de Larouco e tamén nalgúns da Rúa e do Barco.

Igual que noutras citas gastronómicas, que na mairoría dos casos nacen co obxectivo de dar a coñecer e promocionar un pobo así como os seus produtos autóctonos, esta festa nacía hai case dez anos coa finalidade de exaltar a carne de cordeiro e por suposto Larouco, poboación valdeorresa que reúne no seu calendario outras citas de carácter festivo. A principal é a festa patronal na honra á Virxe dos Remedios que se celebra en setembro, pero tamén teñen outras que festexan por todo o alto como a de Santa Lucía a mediados de decembro.

Boa comida, boa bebida, boa música e bo ambiente son os ingredientes que fan deste tipo de encontros todo un éxito. Despois de nove anos, a Festa do Cordeiro conta cada ano con gran participación popular, en torno ás cincocentas persoas, dispostas a disfrutar dun bo xantar.

Un ano máis durante a comida, haberá música ambiente a cargo dunha discoteca móbil.

Texto: Mónica G. Bellver

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button