OurenseÚltima hora

O acondicionamento da Praza de Abastos do Carballiño custou 170.000 euros

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, visitou esta infraestrutura onde sinalou a aposta da Xunta pola modernización destes espazos
Praza de Abastos do Carballiño.

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, destacou na mañá de hoxe, 4 de xaneiro, a aposta que a Xunta está a realizar para lograr unha modernización dos mercados galegos na visita que realizou á praza de abastos do Carballiño. Tal e como sinalou, trátase dunha infraestrutura “clave” para a dinamización do comercio de proximidade local que vén de ser remodelada polo Concello co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

A directora xeral explicou que, entre as actuacións desenvolvidas, destacan “a limpeza das fachadas de cantería, así como o acondicionamento dos postos exteriores mediante a recolocación de mobiliario urbano”. Tamén se instalou nova iluminación e pavimentación co obxectivo de mellorar a imaxe da praza de abastos. Sol Vázquez lembrou que a Xunta leva apoiado a modernización desta infraestrutura, desde 2015, cun total de 170.000 euros que se destinaron tanto á mellora e acondicionamento do mercado como á realización de campañas publicitarias, a adopción dunha imaxe común ou a creación de aparcadoiros.

Estas actuacións enmárcanse no programa de impulso aos mercados e prazas de abastos posto en marcha polo Goberno galego co obxectivo de acadar a excelencia destas espazos e forma parte do Plan de mercados excelentes de Galicia 2016-2020 que recolle un total de 20 actuacións específicas coas que se pretenden potenciar estas infraestruturas comerciais como espazos de emprendemento e de dinamización económica, adaptados aos novos hábitos dos consumidores e vinculados ao territorio.

A directora xeral incidiu en que a Xunta ten no impulso ao sector comercial un dos seus principas eixos de actuación e, como mostra, concedeu en 2017 apoios por preto de 820.000 euros tanto para a realización de melloras nas prazas de abastos e mercados tradicionais como para a posta en marcha dos espazos activos de emprendemento comercial. Axudas que se suman ás concedidas ás asociacións de comerciantes para a dinamización de 51 centros comerciais abertos e a 28 agrupacións de praceiros para o desenvolvemento de preto de 700 actuacións en toda Galicia cun investimento de 2 millóns de euros.

Artigos relacionados

Back to top button