OurenseÚltima hora

Acordo entre a Fegamp e a Xunta para a continuidade dos GES

No seu financiamento a Xunta aportará un 52,5% e as Administracións locais un 47,5%

A Federación Galega de Municipios (Fegamp) e a Xunta de Galicia alcanzaban un acordo na mañá do 29 de novembro sobre o financiamento e as funcións dos grupos de emerxencia supramunicipais (GES), coa intención de seguir prestando este servizo, que o goberno galego seguirá financiando en gran parte.

A directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias e o director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor asistiron á reunión da Comisión de Seguimento dos GES, na que tamén participaron o presidente da Fegamp e alcalde do Barco, Alfredo García, e representantes das Deputacións Provinciais.

Desta volta, o acordo sinala que a participación das distintas administracións que financian os GES, a Xunta por unha banda, e as entidades que integran a Administración Local (Deputacións e Concellos), pola outra, será do 52,5% no caso da Xunta e do 47,5% para as Administracións locais.

Segundo indicou a directora xeral, Marta Fernández -Tapias o “acordo de hoxe reflicte o compromiso do goberno galego no eido das emerxencias, co financiamento duns servizos de emerxencias que non son competencia da Xunta, senón dos propios concellos e das Deputacións, pero que a Xunta considera necesarios polo que os apoia e contribúe ao seu financiamento dende a súa creación no ano 2013”.

Os GES comezaron a funcionar en Galicia no 2013, complementando un novo mapa de emerxencias que cubre todo o territorio galego, e ofrecendo así unha resposta áxil e eficaz a todos os cidadáns galegos ante calquera incidencia. A súa posta en marcha foi consensuada entre  Xunta, Deputacións e concellos, e o goberno galego ademais encargase da formación do persoal na sede da Academia Galega de Seguridade Pública, na Estrada).

O presidente da Fegamp indicaba, pola súa banda, que “estamos satisfeitos desde a Fegamp de que quede resolto definitivamente o tema dos GES xa que é un servizo tremendamente necesario e ademais imprescindible para completar o mapa de emerxencias de Galicia”. En canto ás funcións, o presidente explicou a súa conformidade co novo texto, “alegrámonos do acordo alcanzado en canto ás funcións que desempeñarán, xa que penso que o novo texto aclara e concreta moito mellor as tarefas que poderán e deberán realizar para os seus municipios”. Se ben non se aclaraban cales serán exactamente.

Desde os servizos xurídicos da Xunta deberán agora traballar de forma acelerada para firmar o novo convenio de colaboración antes do fin de 2018, que é a data na que se extingue o convenio vixente para estes grupos, segundo se informa dende a Fegamp.

Artigos relacionados

Back to top button