CulturaÚltima hora

Actívase a Credencial Dixital do Peregrino

Trátase dunha aplicación móbil que permitirá aos peregrinos portar no seu dispositivo electrónico a súa credencial do Camiño de Santiago

Publicidade

 

O Centro Internacional de Acollida ao Peregrino acollía na mañá deste mércores 26 de maio, a posta en marcha oficial da Credencial  Dixital do Peregrino, unha aplicación móbil que permitirá aos peregrinos portar no seu dispositivo electrónico a súa credencial do Camiño de Santiago, coa que certificar a súa peregrinación e obter a Compostela mediante o escaneo de códigos QR que atoparán en diferentes puntos do seu itinerario como parroquias e albergues.

A presentación tiña lugar nun acto no que participaron a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, o director de la Fundación Catedral, Daniel Lorenzo e o delegado de peregrinacións da Catedral de Santiago, Segundo Pérez. Castro destacou que esta nova ferramenta encádrase no proceso de mellorar a experiencia do peregrino a través da posta en marcha de “iniciativas como esta que se encadran no proceso de dixitalización e implantación dun camiño seguro”.

Todos os participantes no acto coincidiron en destacar que a app “non substitúe á credencial tradicional”, senón que a complementa, co obxectivo de “mellorar a experiencia da peregrinación no que atinxe a evitar contactos interpersoais non imprescindibles e axilizar os selados”.

 

 

A aplicación, que xa está dispoñible para a súa descarga para dispositivos Android e iOs e en diferentes idiomas, permite coñecer con antelación o fluxo de camiñantes que chega á Oficina do peregrino, o que axudará a mellorar a atención e o fluxo de peregrinos que se dan cita para recoller a Compostela, evitando colas.

Esta nova ferramenta enmárcase no proceso de transformación dixital da Oficina do Peregrino que tamén puxo en marcha recentemente un sistema de rexistro online, que permite que o peregrino introduza con antelación os datos necesarios para a obtención da Compostela, evitando a manipulación de papel. En todo este proceso a S.A.M.I. Catedral de Santiago de Compostela conta co apoio do Goberno galego a través, entre outros acordos, do convenio para o mantemento do Centro internacional de acollida aos peregrinos que depende directamente da Catedral.

Enlaces de descarga da App:

– Para Android: https://play.google.com/store/apps/details?id=com.credencialdigital&gl=ES

– Para iOS: https://apps.apple.com/es/app/credencial-del-peregrino/id1551608329

Artigos relacionados

Back to top button