En portadaÚltima hora

Actívase a fase de alerta por nevadas do Plan de vialidade invernal en estradas ourensás e lucenses

Prevese que mañá 1 de febreiro a cota de neve estea sobre os 800-900 metros, baixando a 500-700 metros, con acumulacións de neve de 20 cm ou máis en 24 horas por riba dos 1.000 metros nas montañas do este de Galicia, Ourense e Lugo
Neve nunha estrada ourensá./ Foto: Carlos G. Hervella.

A Delegación do Goberno en Galicia vén de activar a fase de alerta do Plan de vialidade invernal na Rede de Estradas do Estado nas provincias de Ourense, Lugo e Pontevedra ante as previsións meteorolóxicas para as vindeiras horas. “Esta medida adóptase ante as previsións emitidas pola Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) e irase actualizando en función dos partes meteorolóxicos que emita este organismo ao longo do día de hoxe”, tal e como se informa dende a Delegación do Goberno en Galicia.

Así, prevese que mañá venres 1 de febreiro a cota de neve estea sobre os 800-900 metros, baixando a 500-700 metros, con acumulacións de neve de 20 cm ou máis en 24 horas por riba dos 1.000 metros nas montañas do este de Galicia, Ourense e Lugo. Espérase que a situación mellore a medida que avance a fin a de semana.

Neste senso, a Delegación do Goberno en Galicia, dacordo co protocolo de coordinación de actuacións, “mobilizará todos os recursos dispoñibles na comunidade para neutralizar os efectos do temporal de frío e neve nas estradas e ten notificado esta previsión aos organismos implicados en materia de vialidade e tráfico do Estado (Demarcación de Estradas, Garda Civil e Centro de Xestión de Tráfico do Noroeste), así como do resto de administracións”. E dende esta administración inciden en que “o obxectivo fundamental da activación é garantir a máxima fluidez posible de tráfico mantendo as infraestruturas de transporte de competencia estatal en condicións de uso”.

Medidas de protección

Dende a Delegación do Goberno tamén se recordan as medidas xeracións de protección a adoptar ante un temporal de neve e frío. Así no caso de ter que viaxar, recoméndase solicitar información previa do estado das estradas e da situación meteorolóxica, así como evitar desprazarse en coche sempre que non sexa necesario e utilizar, a ser posible, o transporte público. “En caso de ser imprescindible o uso do vehículo, hai que revisar neumáticos, anticonxelante e freos. Ademais hai que ter a precauación de encher o depósito de gasolina, levar cadeas e elementos de abrigo, así como un teléfono móbil e cargador”.

“Se queda atrapado na neve, debe permanecer no vehículo, se o temporal o sorprende dentro do mesmo. É convinte manter o motor do vehículo aceso e a calefacción posta, coidando renovar cada certo tempo o caire. É moi importante non quedarse durmido. Tamén comprobar que se mantén libre, en todo momento, a saída do tubo de escape para que o fume non penetre no coche”, segundo a Delegación.

Máis información:
https://osil.info/suspendense-as-clases-o-venres-1-de-febreiro-nos-centros-escolares-da-montana-ourensa/

Artigos relacionados

Back to top button