OurenseÚltima hora

Actívase na provincia o plan de contixencia para atender a epidemia de gripe

O seu obxectivo é avaliar o aumento da demanda sanitaria derivada da epidemia e adaptar os medios precisos para asumila co incremento de recursos
O HCV, un dos tres hospitais da EOXI ourensá./ Foto: Carlos G. Hervella.

A Xerencia de Xestión Integrada do servizo Galego de Saúde en Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras vén de anunciar a activación do seu Plan de Continxencia fronte a Gripe “ante o progresivo incremento de casos e actividade asistencial, nos últimos días, que fan prever un alto repunte de atencións e ingresos derivados das súas complicacións”.

Este plan específico para facer fronte á incidencia desta epidemia na actividade asistencial “establece as medidas a seguir en función de cada escenario e ten en conta tódolos recursos dispoñibles tanto nos Centros de Saúde e Hospitais como en Residencias Socio Sanitarias”, sinalan dende a EOXI.

O Plan conta cunha Comisión de Seguimento formado por persoal dos servizos de Atención Primaria, Urxencias, Medicina Interna, Neumoloxía, Medicina Preventiva, Admisión, Hospitalización a Domicilio e Microbioloxía, que se reforza cos grupos de traballo constituídos para o estudo da cronicidade e paciente fráxil. Diariamente monitorizase a actividade asistencial e coordínanse os recursos dos citados servizos.

“A gripe é unha enfermidade moi transmisible, e aínda que banal na maioría da poboación, naqueles pacientes inmunodeprimidos, con idade avanzada, enfermidades crónicas ou pluripatoloxías, pode xerar graves complicacións, causando un gran número de atencións sanitarias en centros de saúde e hospitais”, segundo o Sergas. A epidemia de gripe 2017-18 causou en Ourense 169 ingresos hospitalarios e 8 mortes aínda que a súa incidencia estímase podería ser moi superior.

 

Artigos relacionados

Back to top button