Concellos

Actividades de outono

As I Xornadas “Tregumelos” e cursos de apicultura e cociña micolóxica, na Veiga

Boletus

O Concello da Veiga vén de poñer en marcha medidas para “favorecer o uso recreativo e pedagóxico dos montes, que contribuirán á creación de emprego e á fixación da poboación no medio rural”. Entre elas figuran tres actividades que se desenvolverán neste outono na Veiga. A primeira delas será un cursiño de “Iniciación á Apicultura e fomento do Cooperativismo Apícola” co que se busca aportar os coñecementos básicos de apicultura e das fórmulas cooperativas de produción e comercialización de produtos apícolas. Esta acción formativa impartirase os días 1, 8, 15, 22 e 29 de outubro na Veiga.

Ademais os bosques deste concello valdeorrés posúen unha interesante riqueza micolóxica. “O aproveitamento micolóxico”, indican dende o Concello da Veiga, “acada unha gran relevancia social, económica e ambiental nos últimos anos, polo que se considera imprescindible que o aproveitamento micolóxico no termo municipal da Veiga se realice dunha maneira adecuada e ordenada, sen alterar o ecosistema ou a persistencia das especies micolóxicas, xerando emprego e rendas para a poboación rural”. E en torno a esta temática xiran as outras dúas actividades preparadas polo Concello da Veiga para outubro. Unha delas é un cursiño de “Iniciación á Cociña Micolóxica e formación en Cooperativismo Micolóxico”, que se desenvolverá os días 9, 11, 15, 17, 22 e 24 de outubro. Con el preténdese pretende achegar información sobre o emprego dos produtos micolóxicos na cociña, xunto con técnicas de conservación e fórmulas cooperativas de produción e comercialización dos produtos micolóxicos.

Ao mesmo tempo A Veiga acollerá neste mes a primeira edición das Xornadas Micolóxicas “Tregumelos” (Cogomelos de Trevinca)”, que se realizarán en dúas fins de semana: a do 19 e 20 de outubro e a do 1 e 2 de novembro. Tratarase dunhas sesións de iniciación á micoloxía que incluirán saídas aos bosques de Trevinca. A través delas os asistentes poderán adquirir nocións básicas de recolección dos cogomelos dunha forma axeitada para a sostibilidade do medio ambiente, pero tamén de produción e comercialización deste tipo de produto a través de fórmulas cooperativas.

Texto: O Sil/Redacción
(Máis información na edición en papel do Periódico O Sil).

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button