DeportesGalerías de fotosÚltima hora

Actividades de tecnificación, supervisión e control de voleibol, en Quiroga

O Concello e a federación galega asinaron un convenio de colaboración que terá unha vixencia de dous anos

Xogadoras destacadas no panorama nacional como Jennifer Mendoza no seu momento e Carolina Camino ou Sofía Carballedo na actualidade, son unha mostra da relevancia do voleibol na comarca de Quiroga. De aí que dende o Concello quixeran dar un paso máis na promoción deste deporte, asinando un convenio de colaboración coa Federación Galega de Voleibol para a realización das actividades de tecnificación, supervisión e control que se levarán a cabo no municipio lucense.

A sinatura tiña lugar na mañá do 11 de outubro no salón de plenos do Concello de Quiroga contando coa presenza, entre outros, do alcalde de Quiroga, Julio Álvarez; do presidente da Federación Galega de Voleibol (FGV), José Ángel Luna Bargo; do concelleiro de Deportes, Andrés Novoa; e de representantes do CV Ribeira Sacra.

Os obxectivos deste convenio de colaboración que xurdiu hai seis meses son, “en primeiro lugar, a promoción turística do municipio e, en segundo lugar, a promoción deste deporte”, dixo o concelleiro de Deportes, destacando que actualmente en Quiroga unha vintena de rapazas participan nesta actividade deportiva que se encadra dentro das Escolas Deportivas Municipais e que conta coa colaboración do Club Voleibol Ribeira Sacra.

Ao longo dos dous anos de vixencia do convenio, organizaranse en Quiroga xornadas de tecnificación de voleibol tanto na categoría infantil coma na cadete. “Durante o ano realizaranse catro xornadas dun único día de duración, na que xogadores e adestradores -en torno a 70 persoas- se desprazarán ata Quiroga para realizar actividades e ver posibles novos membros para a selección”, explican dende o Concello, adiantando que a maiores, “durante o Entroido e a Semana Santa, terán lugar no municipio concentracións de dous días cuxos participantes pasarán a noite en Quiroga”.

Segundo palabras do presidente da FGV, ademais de centrar o plan de tecnificación da federación, en Quiroga tamén se disputarán os encontros coas seleccións portuguesas. “Temos un convenio coa Federación do Norte de Portugal polo que se realiza un “bilateral”, no que as seleccións galegas xogan en Braga e posteriormente as seleccións portuguesas xogan en Galicia”, explicou.

Artigos relacionados

Back to top button