SanidadeÚltima hora

Actividades para conmemorar o día mundial do alzhéimer en Verín

La Caja de Pandora porá en escea a obra “Perseguindo un soño” hoxe 21 de setembro ás 20:30h.
Unha escea da obra "Perseguindo un soño". /Foto: Mónica G. Bellver.
Unha escea da obra “Perseguindo un soño”. /Foto: Mónica G. Bellver.

Sensibilizados cos temas dos maiores, especialmente coas enfermidades neurodexenerativas como é o caso das demencias, que desenvocan irremediablemente na dependencia absoluta da persoa que a padece, dende o Concello de Verín queren conmemorar o día mundial do alzhéimer (21 de setembro) cun acto cultural para poñer en relevancia, aínda que sexa por un momento, a dureza desta enfermidade dende unha óptica artística.

Así pois, dende a área de maiores dos Servizos Sociais Comunitarios de Verín e grazas a colaboración do grupo de teatro local “La caja de Pandora”, hoxe luns día 21 de setembro ás 20:30 horas, terá lugar no salón de actos da Casa da Cultura do Concello de Verín, a representación da obra teatral “Perseguindo un soño”, que narra a historia dun grupo de anciáns abandonados nunha residencia clandestina.

Tamén pola tarde, terá lugar un obradoiro de Arte-terapia con maiores do Centro Sociocomunitario de Verín e do asilo, na aula de audiovisuais da sala de exposicións da Casa da Cultura. Monitores voluntarios e maiores, realizarán creacións artísticas co título “A vellez non significa esquecer”. Ao remate exporanse as obras na antesala do salón de actos.

Artigos relacionados

Back to top button