ConcellosÚltima hora

Activos unha ducia de incendios na provincia, entre eles o de Sabuguido e 3 no concello de Manzaneda

Foto cedida.

 

Nova xornada marcada polo lume na provincia de Ourense que, segundo os últimos datos da Consellería do Medio Rural, rexistra unha ducia de incendios activos que superan as 20 hectáreas, entre eles o de Sabuguido (Vilariño de Conso) onde se decretada como medida preventiva, a Situación 2, pero desactivábase na mañá deste 15 de setembro.

Este lume leva queimadas unhas 2.000 hectáreas. Esta medición é provisional ata que se parametrice a superficie final afectada. Adeamais este lume continúa activo, desde as 02,22 horas do domingo, e segundo as últimas estimacións afecta unhas 2.000 hectáreas. Para o seu control lévanse mobilizado 16 axentes, 29 brigadas, 13 motobombas, 4 pas, 14 helicópteros e 9 avións. Tamén colaboraron efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME). 

Na noite do 14 de setembro o conselleiro do Medio Rural, José González, visitaba esta zona e manifestaba que “entendo a preocupación da veciñanza, pero son días complicados, por iso pido, rogo a maior comprensión para tratar de paliar os efectos dos incendios. Temos que pensar nos nosos montes, pero cando hai afectación de aldeas, ese é o noso obxectivo fundamental, aí temos que traballar e defender”.

Para o conselleiro do Medio Rural está clara a intencionalidade da maior parte destes incendios que afectan á provincia de Ourense. “Moitos deles foron provocados no monte o sábado, houbo tamén varios con diferentes focos e ademais, o que comenta a xente do servizo é que boa parte destes lumes iniciáronse en zonas onde se sabía que o co vento ían provocar danos importantes. Polo tanto, temos esa intencionalidade acreditada. Temos que acabar entre todos con esta lacra”.

Manzaneda

Activo desde as 5:32 h. do luns un lume no concello de Manzaneda, parroquia de Cernado, que afecta provisionalmente unhas 450 hectáreas de superficie. No seu control levan traballado 1 técnico, 3 axentes, 6 brigadas e 4 motobombas.

Tamén permanece activo desde as 2:40 h. de onte outro lume neste concello, na parroquia de Paradela, ao que se lle uniu un terceiro rexistrado na parroquia de San Martiño, “o que evidencia a clara intencionalidade nos lumes deste concello”, indica Medio Rural.

Entre os dous suman unha superficie provisional dunhas 400 hectáreas. No lugar están traballando 1 técnico, 8 axentes, 24 brigadas, 15 motobombas, 2 avións e 3 helicópteros.

 

Un dos incendios rexistrados no municipio de Manzaneda./ Foto cedida.

 

Lobios

Dende as 19:40 h. do sábado permanece activo o lume do municipio ourensán de Lobios, parroquia de Río Caldo, que afecta o Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés. Segundo as últimas estimacións, este incendio afecta unhas 2.000 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse ata o de agora 1 técnico, 18 axentes, 42 brigadas, 22 motobombas, 1 pa, 11 helicópteros e 5 avións. Tamén colaboraron efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Cualedro

Este concello ourensán rexistra dous incendios na parroquia de Montes que permanecen activos e superan as 20 hectáreas. O meirande dos lumes iniciouse ás 14,48 h. do domingo e, segundo as últimas estimacións, afecta unhas 1.300 hectáreas. Para o seu control mobilizáronse 13 axentes, 23 brigadas, 14 motobombas, 5 pas, 6 helicópteros e 4 avións, así como efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

O segundo dos incendios comezou ás 3,04 h. do luns e afecta, segundo as últimas medicións, unhas 80 hectáreas. Para o seu control mobilizáronse ata o de agora 2 axentes, 2 brigadas, 3 motobombas e 5 helicópteros.

Chandrexa de Queixa

Está activo desde as 16:07 h. do domingo un lume na parroquia de Queixa, concello de Chandrexa de Queixa, e que afecta provisionalmente unha superficie dunhas 500 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse ata o de agora 1 técnico, 5 axentes, 14 brigadas, 6 motobombas, 2 pas e 3 helicópteros.

Rairiz de Veiga

Permanece activo o lume rexistrado no municipio ourensán de Rairiz de Veiga, parroquia de Sabariz, tras comezar ás 13:44 h. do domingo. Segundo as últimas estimacións, afecta unhas 300 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse 17 axentes, 29 brigadas, 24 motobombas, 2 pas e 9 avións. Tamén colaboraron efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Vilardevós

Segue activo, desde as 1:04 h. do luns, o lume do concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Vilar de Cervo. Segundo as últimas estimacións, a superficie afectada é dunhas 350 hectáreas. No seu control participaron ata o momento 17 axentes, 24 brigadas, 20 motobombas, 4 pas e 8 helicópteros.

A Mezquita

Activo dende as 12:24 h. de onte un lume procedente de Zamora que, segundo as primeiras estimacións, afecta unhas 400 hectáreas do concello ourensán da Mezquita, parroquia de Cádavos. Para a súa extinción lévanse mobilizado ata o de agora 5 axentes, 11 brigadas, 7 motobombas, 2 pas e 2 helicópteros. 

Laza

Segue activo desde as 20:29 h. do sábado o incendio do municipio ourensán de Laza, parroquia de Camba, e que afecta arredor de 60 hectáreas, segundo as últimas estimacións provisionais. Para a súa extinción mobilizáronse ata o de agora 5 axentes, 15 brigadas, 3 motobombas, 3 pas e 4 avións.

Montederramo

Activo dende as 21:20 h. do luns un lume no municipio ourensán de Montederramo, parroquia de Gabín, que segundo as primeiras estimacións rolda as 30 hectáreas. Para o seu control lévanse mobilizado 6 axentes, 10 brigadas, 8 motobombas, 1 avión e 3 helicópteros.

Incendios estabilizados os incendios de Vilar de Barrio, A Gudiña e Muíños

Estabilizado, dende as 19,35 h. de onte, o lume rexistrado no concello ourensán de Vilar de Barrio, parroquia de Rebordechau. De acordo coas últimas estimacións provisionais, afecta unha superficie de arredor de 700 hectáreas. Para o seu control mobilizáronse polo de agora 13 axentes, 34 brigadas, 17 motobombas, 2 pas, 11 helicópteros e 14 avións.

A Gudiña

Estabilizado ás 10:23 h. de onte o lume que se rexistraba ás 20:47 h. do sábado no concello ourensán da Gudiña, parroquia de Pentes. As últimas estimacións provisionais indican que rolda as 150 hectáreas de superficie afectada. Para o seu control mobilizáronse polo de agora 1 técnico, 8 axentes, 18 brigadas, 12 motobombas, 1 pa e 3 helicópteros.

Muíños

Estabilizado dende as 21h. de onte o lume do municipio ourensán de Muíños, parroquia de Requiás, que afecta o Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés. Este incendio iniciouse en dous focos diferentes e simultáneos, o que dá idea de clara intencionalidade. De acordo coas últimas estimacións, afecta unha superficie de 9 hectáreas. Polo de agora, para o seu control lévanse mobilizado 2 axentes, 6 brigadas, 4 motobombas e 3 helicópteros.

Controlados os incendios de Trives, Maceda e Ribas de Sil

Controlado dende as 2:01 h. desta madrugada un lume que se iniciou onte no concello ourensán da Pobra de Trives, parroquia de Pena Petada, e que afecta unhas 50 hectáreas provisionais. No seu control levan traballado ata o momento 2 axentes, 2 brigadas, 2 motobombas e 1 helicóptero.

Neste concello quedaron controlados ás 17:47 h. do luns os dous lumes que se iniciaron simultaneamente na parroquia de Castro de Escuadro ás 15,04 h. do domingo, o que indica unha clara intencionalidade. Entre os dous afectan unha superficie aproximada de 130 hectáreas. Para o control destes dous lumes mobilizáronse ata o momento 10 axentes, 13 brigadas, 10 motobombas e 3 pas.

Controlado desde as 22:34 h. de onte o incendio rexistrado no municipio lugués de Ribas de Sil, parroquia de Peites. Este lume iniciábase ás 1:44 h. desta madrugada en 4 focos simultáneos, o que evidencia tamén a intencionalidade neste caso. Segundo as primeiras estimacións, afecta unha superficie de máis de 60 hectáreas. No seu control levan traballado 4 axentes, 23 brigadas, 12 motobombas, 1 pa e 1 helicóptero.

Artigos relacionados

Back to top button