Eleccións Xerais 26-XGalerías de fotosPolíticaÚltima hora

Acto cultural e político do BNG no Malecón do Barco

Contaba coa presenza da cabeza de lista ao Congreso por Ourense, Noa Presas

“É fundamental irmos a Madrid cunha voz propia”. Dese xeito se manifestaba a cabeza de lista por Ourense do BNG, Noa Presas, no acto político que se celebraba no Paseo do Malecón do Barco na tarde do 21 de xuño. “Si podemos transformar a realidade, é unha cuestión de vontade política e de ser relevantes onde se toman as decisións. Hai cuestións elementais como decidir onde se van gastar os nosos recursos”, continuaba a candidata nacionalista, que defendía “un modelo de financiamento propio” para Galicia, “recadar os nosos impostos a través dunha facenda galega” e “decidir cales son as nosas prioridades”, así como “ter unha banca pública”. Ademais pedía que “a xente escoite as nosas ideas e que se nos dea unha oportunidade”.

Presas completaba coa súa intervención un acto político en cuxa apertura se rendía homenaxe ás Irmandades da Fala, tendo en conta a conmemoración do seu centenario. Nela tomaba a palabra Manuel Agra, quen destacaba o papel deste movemento en defensa do idioma galego e a súa conexión con Valdeorras a través de “Florencio Delgado Gurriarán e Xaime Prada da Irmandade Nacionalista Valdeorresa”. De seguido, Noemí Pinto daba lectura ao manifesto da primeira asemblea nacionalista en outubro de 1918; Sofía Carril que poñía voz a un anaco de “Pensamento e sementeira” de Antón Vilar Ponte; e Manuel Agra Sánchez lía un poema de Florencio Delgado Gurriarán. Con este último xesto incidíase na petición dunhas Letras Galegas para o autor corgomés.

Tras esta primeira parte, dábase paso ao acto político propiamente dito, que abría a “primeira alcaldesa nacionalista de Valdeorras”, a ruesa María González. Esta rexedora falaba de municipalismo e aseguraba que o que diferenza ao BNG doutras formacións políticas é “a faceta de darlle voz á cidadanía. A nosa intención é devolverlle as institucións á cidadanía. Intentamos que a cidadanía se sinta partícipe no pleno municipal”. A continuación falaba Suso Vilasánchez, membro do BNG valdeorrés, quen resaltaba que “somos o único grupo político que non é sucursal de ninguén e imos ter como única dedicación en Madrid defender a Galicia. Necesitamos voces propias”.

Antes de Noa Presas, que pechaba o acto, interviña ademais o candidato ao Congreso, Daniel Calvo, quen expoñía a realidade da mocidade actual e avogaba por “un sistema educativo galego, público, laico, gratuíto e democrático”. Tamén defendía a cultura galega e a lingua, políticas para a mocidade, así como unhas “condiciósn laborais dignas” e “un plan de choque para o retorno de persoas novas”.

Fotos: Ángeles Rodríguez/ Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button