OurenseÚltima hora

Acto de benvida aos novos policías en prácticas da XXXVI Promoción da Escala Básica de Policía Nacional en Ourense

Neste acto o subdelegado do Goberno en Ourense recoñecía o traballo e o esforzo da Policía Nacional en Ourense para garantir a seguridade cidadá e o cumprimento das medidas sanitarias fronte ao Covid-19

 

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, deulles a benvida aos novos policías en prácticas da XXXVI Promoción da Escala Básica de Policía Nacional que desde esta semana se incorporan á Comisaría Provincial para completar a súa formación durante os vindeiros meses. O acto de presentación dos axentes, no que tamén participou o comisario xefe de Operacións, Eduardo Gutiérrez, tivo lugar esta mañá na Comisaría Provincial de Ourense.

O subdelegado do Goberno destacou a vocación dos oito axentes, tres mulleres e cinco homes, “por querer pertencer a un corpo de seguridade baseado no servizo público, na entrega e na protección á cidadanía”. E tamén resaltou “que os membros das Forzas e Corpos de Seguridade son un dos patrimonios máis importantes que ten o Estado, posto que defenden a seguridade da cidadanía e garanten o exercicio dos dereitos en liberdade”.

Así mesmo, Emilio González trasladoulles aos futuros policías nacionais a responsabilidade de traballar para que Ourense sexa unha cidade aínda máis segura e animounos a aproveitar este período de formación para adaptarse e prepararse para os grandes retos que terán que afrontar durante o seu futuro profesional.

 

 

No acto, o subdelegado do Goberno tamén deu a benvida aos dous axentes da XXXIV Promoción da Escala Executiva, unha muller e un home, que realizan parte do seu período formativo, cunha duración de tres semanas, nesta Comisaría de Ourense.

Por último, Emilio González aproveitou o acto para recoñecer o esforzo e o traballo realizado pola Policía Nacional, xunto co resto de forzas de seguridade, para garantir a seguridade cidadá e asegurar o cumprimento das medidas sanitarias en Ourense dende o comezo da pandemia provocada polo Covid-19.

Artigos relacionados

Back to top button