Galerías de fotosPolíticaÚltima hora

Acto de presentación de Jesús Vázquez como candidato á alcaldía de Ourense

Tiña como escenario os Xardíns do Campus da cidade e contaba coa asistencia dos presidentes do PP provincia e do de Galicia

 

“Ourense necesita un modelo de cidade propio que eu ofrezo, un modelo que xere tranquilidade e unha boa forma de vivir”. Así o dicía Jesús Vázquez, actual alcalde da cidade das Burgas, no mediodía do 15 de setembro na parte final do acto de presentación como candidato novamente do PP á alcaldía nas eleccións locais do 2019. Nel dábanse cita numerosos militantes e simpatizantes apara arroupar, así como o presidente provincial do PP, Manuel Baltar, e o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo.

Na presentación Vázquez recalcou que “temos ganas de seguir apostando por facer de Ourense o destino perfecto, a cidade modélica, cos barrios máis humanos e rúas máis accesibles, poñendo en valor que “a nosa credibilidade, a nosa eficacia e a nosa forza seguen seguirán sendo os principais motores do noso traballo”.

​“Neste tempo, o noso candidato demostrou a súa capacidade de diálogo, o seu talante e educación”, aseguraba, Manuel Baltar quen abría o turno de intervencións. Para o presidente provincial dos populares estes cualificativos marcan “a diferenza con outras formacións, cuxo comportamento convertiron en infames estes tres anos de mandato”.

Feijóo clausuraba a presentación sinalando que para optar á alcaldía de Ourense o partido escolleu a un “home traballador e que sempre antepón o servizo aos demais por riba das preferencias persoais”. Ademais aludía ao “camiño de diálogo e de política construtiva que iniciou Jesús Vázquez, baseado en que os veciños atopan ao seu alcalde na rúa cun sorriso e unha palabra amable. Ese camiño pode non ter pedras e así avanzar con máis intensidade e velocidade. E podemos quitar esas pedras con votos nas próximas eleccións”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button