ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Acto de recoñecemento do C.D. Rúa aos presidentes do club

Entregábanlles unha bufanda do 50º aniversario antes do partido contra O Vilamarín

Moi intensa foi esta fin de semana na Rúa, deportiva, cultural e gastronomicamente, e o fútbol foi un dos grandes protagonistas. Na mañá do sábado 26 de xaneiro o C.D. Rúa recibía unha das homenaxes da XII Festa do Codillo polos seus 50 anos de historia e a outra era para Vicente Solarat Maceda, membro do club durante moitos anos e o encargado de coidar con mimo o antigo campo de herba natural e que dá nome ao actual campo de céspede artificial.

Máis a cousa non quedou aí e na xornada do domingo o fúbol volvía estar presente. Pola mañá, xogaba o equipo infantil e xa pola tarde era o equipo sénior o que disputaba o partido correspondente á xornada 19 en segunda autonómica, ante o Vilamarín.

O partido comezaba ás 16:15h. pero minutos antes o club tiña un bonito xesto con algúns dos presidentes que tivo o Rúa neste medio século de vida. Cos xogadores de ámbolos dous equipos facendo o “pasillo”, ata o centro do campo se desprazaban Couso, Dorito, Bolo, Ángel Yáñez, Rogelio Solarat (en representación do seu pai), Barrocas, Manolo, Canito e Tino, para recibir de mans de dous dos xogadores máis xoves do club, unha bufanda conmemorativa do 50º aniversario do C.D. Rúa.

Non estaban todos os que son (faltaban entre outros Neira e Purrela) pero si eran todos os que estaban e tras a foto de familia e os aplausos, o colexiado pitaba o inicio do partido. Un partido que comezaba co temperán gol de Avelino (2′) para o Rúa, ao que seguía o de Juan (23′) e o segundo de Avelino (27′) rematando a primeira parte co 3-0 no marcador. E todo o ben que se lles deu aos de Javi Ferrer a primeira parte, deuselles de mal a segunda na que encaixaban dous goles. Con todo, o final chegaba co 3-2 e tres puntos máis para os amarelos que se manteñen en postos de promoción.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button