PolíticaÚltima hora

Acto do BNG con delegacións de máis de 30 organizacións de todo o mundo

Entre os asistentes estaba o presidente da Esquerra Republicana, Oriol Junqueras

 

A portavoz nacional, Ana Pontón, encabezaba estaba mañá o acto de recepción que o BNG ofrecía ás delegacións das forzas políticas de dentro e fóra do Estado español (máis dunha trintena de partidos) convidadas á celebración do Día da Patria. Un acto no que a líder do BNG destacou o papel das “forzas nacionalistas e soberanistas en defensa da democracia e dos dereitos sociais, ante a deriva involucionista e a dereitización do Estado español”.

Pontón agradeceu a presenza de todas as delegacións galegas, portugueses, saharauís, vascas, casteláns, brasilianas, canarias, cataláns, corsas, palestinas, bretoas para celebrar o Día da Patría, o Día da Matria galega. “É un orgullo contar con tantos e tan bos amigos e amigas de Galiza”, proclamou, destacando que pese ás diferencias e ás diversidade de cada quen, están conectados pola solidariedade na defensa das causas xustas.

Aseguraba que a “defensa das liberdades, do dereito de autodeterminación, do pacifismo, da igualdade das mulleres desde o feminismo, a loita contra a emerxencia climática, a defensa dos servizos públicos o coidado das persoas… Son loitas comúns co obxectivo de conseguir un mundo mellor, empezando pola realidade que temos máis próxima”.

Pontón incidía en que “hoxe somos as forzas nacionalistas e soberanistas as que damos a batalla en defensa dos dereitos sociais, das políticas de progreso, do pluralismo e, en definitiva, en defensa da democracia, representamos a loita contra o Darth Vader do centralismo madrileño que se pon do lado dos lobbys e en contra da xente do común”, proclamou, “por iso, aos que desde o madricentrismo queren facernos unha caricatura, -incluída a esquerda estatal-, dicirlles que as forzas nacionalistas e soberanistas estamos sendo o contrapeso real á deriva involucionista e á dereitización do Estado español”.

Neste contexto político, a portavoz nacional do BNG propuxo reforzar as alianzas entre as forzas nacionalistas e soberanistas, seguindo unha constante histórica de cooperación e acordos que vai desde Galeusca á Declación de Llotja de Mar. “Ante esta involución acelerada, temos que reaccionar forxando unha alianza en defensa da democracia, da plurinacionalidade e do dereito á autodeterminación, crear alianzas amplas, desde o respecto ás diferentes realidades”, argumentou, tras deixar claro que ás lexítimas aspiracións dos pobos non se lle pode responder con represión.

 

 

Pontón facía unha mención especial de recoñecemento ao presidente de Esquerra Republicana, Oriol Junqueras, quen a precedeu no uso da palabra. “Insisto, estamos ante un problema político que precisa unha solución política global ás lexítimas aspiracións de todas as nacións sen estado, esquivando propostas parciais e incompletas”, subliñou

A líder do BNG tamén aludía ao “escándalo” da factura da luz, “un exemplo de manual de como se usa o BOE para estafar ao conxunto da sociedade, porque o gran capital non ten máis patria que a dos seus beneficios multimillonarios”, advertiu a líder do Bloque.

Ana Pontón tamén compartía coas forzas asistentes a situación actual do BNG e os seus retos de futuro. “Tras un resultado histórico, conseguimos converternos na segunda forza política o que nos sitúa como a alternativa real de goberno, hoxe lideramos á oposición ao PP e imos traballar, con todo o talento e todo o empeño, para liderar tamén a transformación que precisa este País desde o goberno, para construír a Galiza de futuro que soñamos, porque, como proclamou Castelao: o verdadeiro heroísmo é facer realidade os soños e converter as ideas en feitos. E nese camiño está o BNG”, recalcou.

Previamente, Oriol Junqueras manifestou que “ninguén mellor que a cidadanía galega para decidir o seu propio futuro e estou seguro de o BNG presidirá o Goberno de Galiza da man de Ana Pontón e será un futuro republicano, de liberdade e de xustiza”, proclamou nun acto presentado por Rubén Cela e Ana Miranda, como responsables da área de internacional.

Artigos relacionados

Back to top button