OurenseÚltima hora

Actos do 8-M en Melias (Pereiro de Aguiar)

A parroquia de Melias era o lugar escollido polo Concello de Pereiro de Aguiar para celebrar os actos do 8-M na tarde do 7 de marzo. A escolla deste lugar está vencellada ao desexo de recuperar e impulsar “a figura e a obra do noso veciño máis ilustre. Comezamos co 8-M porque xustamente sobre a igualdade reflexionou de xeito maxistral e meritorio o Padre Feijóo, fillo deste pobo, nun tempo no que as mulleres eran consideradas seres inferiores e cando a Inquisición estaba aínda vixente”, dicía o alcalde de Pereiro de Aguiar, Luis Menor.

Ademais o rexedor aseguraba que este concello ourensán comprométese a “afondar na loita pola igualdade no seu eido de competencias, traballando para continuar a construción dunha sociedade xusta, onde mulleres e homes teñan os mesmos dereitos e onde nenas medren na igualdade de oportunidades”.

Os actos contaban coa presencia do subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso; do xefe territorial de Presidencia da Xunta, Manuel Pardo; da deputada de Igualdade na Deputación, Luz Doporto, así como os membros da Corporación municipal do Pereiro. O programa comezou ca lectura dun manifesto de reivindicación da igualdade no que o Concello reclama a igualdade total e efectiva para as mulleres e se compromete a traballar no seu eido de competencias para contribuir a ese obxectivo.

No texto, que foi lido diante do Pazo de Casdemiro pola concelleira de Igualdade, Mónica Ramos, tamén se destacaba que “este ano cúmprese o 5º aniversario da aprobación da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible, co firme compromiso de lograr o empoderamento de todas as mulleres”, reivindicación á que se suma o concello de Pereiro, que “elaborará estratexias de igualdade en todas as áreas da entidade así como promoverá actuación de prevención e sensibilización entre a poboación” para colaborar a acadar tal obxectivo.

A segunda parte do acto consistiu nunha conferencia sobre a obra do Padre Feijóo vencellada á defensa das capacidades das mulleres, que publicou contida no Discurso XVI (“Defensa de las mujeres”) do Tomo I do seu Teatro Universal, a cargo de Rosa Casares, psicóloga e avogada experta en igualdade.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button