ConcellosÚltima hora

A actriz Mabel Lozano, nos actos contra a violencia machista en Verín

Ademais de impartir charlas e debatir cos alumnos de 4º de ESO, asistirá á proxección do documental “Chicas nuevas, 24 horas” no auditorio
A actriz Mabel Lozano.
A actriz Mabel Lozano.

Verín acollerá na segunda metade deste mes un completo programa para conmemorar o día contra a violencia de xénero, o 25 de novembro. Nel inclúense actos de rexeitamento desta lacra social, ademais dun paquete de accións formativas e divulgativas dos novos xeitos que adopta a violencia coas novas tecnoloxías. Un dos referentes do programa será a presenza da actriz e activista contra a violencia de xénero, Mabel Lozano, que estará en Verín o día 28 para falarlle aos máis novos da explotación sexual.

Dende o CIM de Verín, en colaboración con FEMURO, vaise despregar un intenso calendario de actividades que estarán presididas polas pancartas que se colgarán na fachada do Concello en rexeitamento contra da violencia de xénero, destinada a condear todos os tipos de violencia, tanto física, psíquica, sexual ou económica.

O mércores 9 de novembro comezarán os obradoiros “Violencia de xénero no contexto dixital”, financiados pola Secretaría Xeral de Igualdade, e que serán impartidos por Pantallas Amigas para que a infancia e a adolescencia fagan un uso seguro e saudable das tecnoloxías, previndo calqueira tipo de violencia a través dos dispositivos elecrtónicos e das redes sociais.

Desenvolveranse nos centros de ensino Amaro Refojo, Mercedarios, Castro de Baroncelli, Princesa de España e Centro de Día da Cruz Vermella. O día 23, haberá actos de sensibilización na rúa e na feira, con colaboración de voluntarios e alumnado de FEMURO, con reparto de información e pulseiras.

O 25 de novembro terán lugar os actos centrais, coa reunión ás 10.00 no Salón de Plenos do Concello da Mesa de Coordinación para a Eliminación da Violencia de Xénero, para analizar o traballo e novas propostas en contra da violencia machista, conxuntamente con forzas e corpos de seguridade, sanidade, educación, xustiza, avogacía e servizos sociais.

Ese mesmo día celebrarase unha concentración contra a Violencia de Xénero, ás 20.30 diante do Concello. O día 28, ás 10.30 no Auditorio, proxectarase “Chicas nuevas, 24 horas”, con Mabel Lozano, actriz e activista contra a violencia de xénero, que falará e debatirá co alumnado de 3º, 4º e bacharelato e dos centros de ensino de Verín sobre a explotación sexual.

Finalmente, esa mesma tarde, o 28 de novembro ás 20.15, terá lugar o visionado no Auditorio da longamertaxe “Chicas nuevas, 24 horas” de Mabel Lozano, nominada ós Goya 2016, para todos os públicos.

Artigos relacionados

Back to top button