En portadaGalerías de fotosÚltima hora

A Adega Proencia abre a XXXVI Feira do Viño de Amandi

No recinto feiral, situado nas proximidades do Concello de Sober, poden degustarse os viños de 23 adegas

Co tradicional corte de ramas de vide, desta volta a cargo da Adega Proencia, inaugurábase a XXXVI Feira do Viño de Amandi en Sober no mediodía do 19 de marzo. Con este xesto facíase unha homenaxe ao fundador desta adega, Tomás Arias Vázquez. Este acto contaba ademais coa presenza de autoridades entre as que estaban o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, e por suposto o alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián. De seguido o recinto feiral enchíase co son do grupo de música tradicional do Agadic e comezaba un percorrido das autoridades polas adegas presentes deste certame, que está declarado festa de interese turístico galego. O concello convidado nesta edición era o ourensán de Parada de Sil.

Era numeroso o público que, copa en man ou pendurada do pezcozo, visitaba cada un dos expositores para catar os seus viños. En total 23 as adegas de Sober presentes nesta feira, que se desenvolverá os días 19 e 20 de marzo. Son as adegas A Man de Prado (Bolmente), Algueira (Doade), As Muras (A Carqueixa-Proendos), Barbado (Proendos), Cividade (Outeiro-Bolmente), Cruceiro (Vilacá-Doade), Don Bernardino (Cima de Vila-Brosmos), Estrela (Vilacá-Doade), Guímaro (Sanmil-Brosmos), Gullufre (Lobios), Lucenza (Corbelle-Proendos), Malcavada (Rosende), Marcelino I (A Carqueixa-Proendos), Naz (Naz de Abaixo-Rosende), Petrón (Doade), Proencia (Sansillao-Proendos), Rectoral de Amandi (Igrexa-Amandi), Regina Viarum (Doade), Tear (Suairexa-Figueiroá), Val da Lenda (Cantón-Amandi), Viña Ferreiro (Camilo-Bolmente), Viña Cazoga (O Pacio-Amandi) e Viña Peón (O Barrio-Figueiroá). O elenco de expositores completábase co do Concello, así como con dous de oleiría deste municipio lucense.

O programa da feira continuaba pola tarde coa pre-cata da feira con espectáculos musicais como o do grupo ourensán Odaiko Percusión xunto coa Banda de Música de Sober. A xornada do domingo estará marcada tamén pola música da man da charanga NBA e da Banda de Música de Sober, coa cata da feira e co pregón da presentadora e modelo Silvia Jato ás 13h., entre outros actos.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button