EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

A adega valdeorresa Godeval estrea etiqueta na añada 2017

Os godellos que están xa a distribuírse no mercado defínense como viños “cálidos, limpos e aromáticos”
Imaxe da nova etiqueta que Godeval estrea na añada 2017./ Foto cedida.

Nesta cuarta semana do mes de febreiro estase a distribuír no mercado a nova añada da adega Godeval, pertencente á Denominación de Orixe Valdeorras. Unha añada que a adega escollía ademais para presentar unha nova imaxe. “Ten sido o momento de dar un cambio de cara á botella deixando atrás a etiqueta dourada e torcida para substituíla por unha máis envolvente e branca”, indican dende Godeval.

Ademais dende esta adega con sede en Xagoaza (O Barco) explican que o debuxo escollido para a etiqueta rende homenaxe á orixe dos seus godellos, unha variedade “que nos identifica en todo o mundo”. Trátase dunha “plumilla da antiga adega, na que se elaboraron os primeiros viños a mediados dos anos 80 e ata o 2009. Nese momento cambiaron á nova adega que segue sendo un miradoiro ao val e ao lugar onde empezanmos”, comenta a xerente de Godeval, Araceli Fernández.

Ademais dende Godeval faise fincapé nas singulares características desta añada do 2017, “un tanto especial debido ás condicións do ano meteorolóxico que levou a recoller a uva con case un mes de adianto, en pleno agosto. Un inicio moi temperá que non se recordaba nos 31 anos de historia desta adega. As uvas desenvolvéronse nunha primavera con xeadas e tormentas con pedrazo que afortunadamente non afectaron demasiado ás fincas. O que si marca esta añada é a forte seca dende o mes de maio e as altas temperaturas do verán, o que orixinou un descenso significativo da produción”.

A pesar disto, Godeval subliña que a uva recollida estaba “moi sana e madura. Finalizada a vendima, a fermentación prolongouse durante uns 30 días para conseguir a máxima expresión aromática da variedade godello. Esta añada xa a está definindo como un viño cálido, limpo e aromático”.

Artigos relacionados

Back to top button