EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Adegas valdeorresas, na “Quincena do Viño” de Celanova

Esta iniciativa, que se desenvolverá do 16 ao 30 de outubro, contará con establecementos de hostalaría e adegas das cinco denominacións de orixe galegas

 

O Obradoiro de emprego “Calderetas. Da gastronomía dos abades ata os nosos días”, que se desenvolverá ata finais de decembro en Celanova, promove neste mes de outubro unha novidosa actividade que ten o viño como protagonista: a “Quincena do Viño”.

“A iniciativa, que xorde como unha actividade de prácticas de organización de eventos para os alumnos de ámbolos dous módulos de cociña e restauración, celebrarase do 16 ao 30 de outubro e nela está confirmada a participación de 18 establecementos de hostalería, que acollerán a outras tantas adegas, promocionando tanto os viños como os atractivos turísticos do territorio”, tal e como avanzan dende a organización.

Por denominacións de orixe participarán 3 adegas da Denominación de Orixe Monterrei, da D.O. Rías Baixas 4, da D.O. Ribeira Sacra 2, da do Ribeiro 5, e 4 de Valdeorras. Así as adegas valdeorresas nesta cita serán Joaquín Rebolledo, Sampayolo, D’Berna e Pazo de Toubes.

“Durante os quince días, os visitantes poderán realizar un percorrido de sensacións, aromas e sabores degustando distintos caldos, que serán maridados con pinchos deseñados, elaborados e servidos polo alumnado do Obradoiro de Emprego”, adiantan os promotores.

Por cada consumición que se realice, será entregada unha rifa para participar no sorteo de tres lotes de viños aportados polas adegas; sorteo que se realizará coincidindo cos tres primeiros premios da Lotería de Nadal.

O Obradoiro de emprego “Calderetas. Da gastronomía dos abades ata os nosos días” está formando a 20 alumnos nos módulos de cociña e restauración, produto dun convenio de colaboración entre os concellos de A Bola, Celanova e Quintela de Leirado.

Artigos relacionados

Back to top button