En portadaÚltima hora

Adif inicia o operativo para a retirada dos vagóns do tren localizados na beira do río Sil en Sobradelo (Carballeda de Valdeorras)

A circulación na liña León-A Coruña verase interrompida mentres se realicen os traballos que durarán aproximadamente unha semana

Adif iniciou hoxe o operativo para a retirada dos vagóns de mercadorías que permanecen no punto do descarrilamento ocorrido o pasado 28 de xullo na liña León-A Coruña, ao seu paso por Sobradelo (Carballeda de Valdeorras), localizados na beira do río Sil. Como consecuencia destas operacións, a circulación na liña verase interrompida mentres se realicen os traballos, que terán unha duración de aproximadamente unha semana.

 

 

Dende a entidade afirman que “o obxectivo das tarefas é a retirada dos catro vagóns pendentes: dous deles xunto á vía, no lado do noiro; un terceiro no lado do terraplén, e o último na beira do río Sil. A solución, consensuada e executada polos técnicos de Adif e de Renfe, consiste no desmonte in situ dos vagóns, para facilitar o traslado dos mesmos fóra dunha zona de difícil acceso”.

Ademais, defenden que analizarán e promoverán, coa supervisión e a aprobación da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, “as medidas de restauración da contorna para a súa completa recuperación ao estado previo ao descarrilamento”.

 

Operativo

Para estes traballos, empregaranse dous guindastres de estrada de 80 toneladas, que permitirán estabilizar os vagóns situados xunto á vía e, á súa vez, posibilitarán o descenso de traballadores e equipos ata o vagón situado na beira do río Sil, para posteriormente retirar as seccións desmontadas.

Está previsto que os restos dos vagóns sexan transportados por vía férrea en plataformas para o efecto, ata a próxima estación de Quereño. Para permitir o traballo dos guindastres será preciso construír un vial de acceso para vehículos de estrada, de 400 metros de lonxitude, entre a estación de Sobradelo e o punto do descarrilamento. O perímetro será rozado para minimizar o risco de combustión da vexetación polo emprego de maquinaria.

Artigos relacionados

Back to top button