ConcellosEn portadaGalerías de fotosÚltima hora

Admirando as excepcionais pinturas rupestres de Casaio

Cunha visita guiada na tarde do 22 de xuño o equipo de investigadores de Sputnik Labrego e Francisco Alonso amosaban ás persoas participantes as singulares e o valor desta mostra de arte esquemático

Dende a ermida de San Xil vello partía o traxecto ata chegar á Pala de Cabras de Casaio (Carballeda de Valdeorras) para admirar o excepcional conxunto de pintura esquemática prehistórica descuberta a primeiros deste ano.

Na tarde do 22 de xuño o equipo de Sputnik Labrego e Francisco Alonso Toucido (Escola Arqueoloxía, SL) organizaban unha visita guiada ata esta pala. Nela explicaban as características deste lugar escollido hai uns  2.500 anos antes de Cristo, no Calcolítico, para pintar sobre a cuarcita diversos motivos, tamén comentados e sinalados polos investigadores.

 

 

Cada un deles podía verse sobre a parede de rocha: os singulares ídolos oculados, únicos en Galicia, os soliformes ou os arboriformes. Francisco Alonso matizaba que ademais son “figuras que se repiten nun contexto moi determinado que é o Calcolítico e a Idade do Bronce, aproximadamente”. Isto é ademais o que permite situar a cronoloxía destas mostras, “xa que inmediatamente soubemos que eran prehistóricas”. Os investigadores incidían tamén no fráxil estado de conservación destes restos.

Tamén poden verse numerosas liñas verticais, cuxa antigüidade podería ser maior. O arqueólogo Carlos Tejerizo comentaba que o equipo está traballando, “cos medios que temos neste momento, que son escasos, para tratar de que haxa unha documentación exhaustiva de todo isto”. Agora veñen de presentar un proxecto a Patrimonio para facer un proxecto completo e riguroso sobre estas pinturas.

Esta visita complementa a conferencia que Carlos Tejerizo, director de Sputnik Labrego, e Francisco Alonso impartían, xunto ao experto Manuel Santos (Universidade do Minho), hai uns días no Barco para presentar os primeiros resultados sobre estas pinturas rupestres.

É ademais a segunda visita guiada a este fermoso lugar, tras a realizada o 1 de maio para os veciños de Casaio no marco da Romaría do San Xil.

Fotos: Laura Fernández.
Máis información:
https://osil.info/as-pinturas-esquematicas-de-casaio-un-valioso-santuario-rupestre-prehistorico/

 

Carlos Tejerizo explicando que as pinturas teñen unha estreita relación co lugar no que se pintaron.

 

Francisco Alonso, xunto a unha das figuras de ídolos oculados, comentando a excepcionalidade destes motivos.

Artigos relacionados

Back to top button