DeportesEn portadaPiraguismoÚltima hora

Adrián Prada, un valdeorrés representando á selección española no Descenso Internacional do Sella

Competirá en K-2 sénior xunto a Joaquín Iglesias nesta relevante regata que se celebrará mañá en terras asturianas

Adrián Prada, xunto a Joaquín Iglesias, no K-2 sénior da selección, competindo na contrarreloxo de onte no Sella./ Foto: Jonás Pravia.

 

Xa coñece o Descenso Internacional do Sella. Competía nel sendo cadete e xuvenil. Pero neste sábado 6 de agosto o barquense Adrián Prada Pérez tomará a saída, por vez primeira, como sénior en K-2 (xunto a Joaquín Iglesias, o seu compañeiro no Club Piragüismo Verducido-Pontillón) e farao, ademais, representando á selección española de piragüismo. “Ofrecéronnos a posibilidade de ir co equipo nacional e aproveitámola. Sempre resulta unha satisfacción estar aí, que te recoñezan e poder representar á selección española, intentaremos facelo o mellor posible”, comenta este padexeiro barquense.

O descenso, cun percorrido duns 20 km entre as localidades de Arriondas e Ribadesella terá lugar mañá sábado. Sen embargo, onte o 4 de agosto, Adrián Prada disputaba xa unha contrarreloxio duns 3 km na que se decidían as posicións de saída dos padexeiros na regata. O seu K-2 sairá no posto 12. Isto é algo a ter moi en conta dadas as características deste descenso, cunha multitudinaria participación. “Como hai tantísimos piragüistas sempre se forman tapóns, entón canto máis adiante esteas na saída, mellor porque iso permíteche saír o máis rápido e limpo posible de cara a esquivar aos outros participantes e evitar quedar enganchado”, comenta este valdeorrés.

 

O K2 do valdeorrés noutro dos momentos da contrarreloxo que decidía os postos de saída./ Foto: Jonás Pravia.

 

Tamén destaca o gran nivel da proba, que reúne a recoñecidos padexeiros de diferentes partes do mundo. “Nós sempre imos coa idea de ganar, pero sabemos que é difícil porque o K2 é moi competitivo, aínda así imos intentar loitar por estar ben colocados, ir sempre preto dos da diante, que coñecen ben o río, e non cometer erros que nos deixen fóra da carreira”. Considera que o Sella “é un río bastante técnico, con pouca auga e no que hai que saber dos pasos, de feito nós temos pensado ir xa o día 3 para baixar varias veces e coñecer eses pasos”.

Artigos relacionados

Back to top button