En portadaEntrevistasÚltima hora

Adriano Gasperi: “Para min o Camiño de Inverno é o presente do futuro”

Este peregrino italiano de 75 anos está a realizar o seu terceiro percorrido por esta ruta xacobea, que entra en Galicia por Valdeorras, reencontrándose con antigas amizades

 

Entre sorrisos e abrazos era recibido Adriano Gasperi na súa chegada ao Bar Mar en Sobradelo (Carballeda de Valdeorras) na chuviosa tarde do 17 de setembro. Esta é xa a terceira vez que este médico italiano percorre o Camiño de Inverno, unha ruta pola que sente especial predilección e na que se sente rodeado de amigos. Entre eles, Manuel, propietario do bar, e Raúl de Éntoma (O Barco), aos que coñecía xa no 2019, na súa primeira incursión nesta ruta xacobea. “No Bar Mar coñecín a Raúl. Recordo que aquela noite estaba tusindo moito e eu pregunteille ¿por que fuma? porque me gusta, contestoume. Entón falamos un rato, como sempre sucede no Camiño, e el contoume que traballaba a lousa. Eu tiña na miña mochila unha sardiña porque naquel tempo en Italia naceu un movemento político que se chamaba As Sardiñas, e propúxenlle a Raúl que a próxima vez que nos visemos me preparara unhas sardiñas”, lembra.

Pouco despois chegaba a pandemia do Covid e con ela as restricións, polo que este novo encontro foise adiando ata agora. Pero entre tanto, este peregrino italiano, que reside nas Illas Canarias, recibía un envío de sardiñas acompañado de tres botellas de viño de Valdeorras, ao que, máis tarde correspondía mandándolle viño canario. “Esta é a verdadeira riqueza do Camiño, é unha emoción continúa”, destaca.

Adriano Gasperi confesa vive o Camiño “nesta medida de humanidade, eu non son particularmente relixioso, é un tema emocional”. Unhas experiencias e emocións que logo plasma na súa poesía. Ten publicados 5 libriños de poemas, un deles sobre o Camiño de Inverno.

 

Adriano Gasperi en Sobradelo (Carballeda de Valdeorras)./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

 

¿Como é o poemario que lle adicou ao Camino de Inverno?

Este libro forma parte dunha triloxía dun Camiño que fixen no 2019. Empecei en Alacante, cheguei a Burgos, dalí fun a Ponferrada, e aí xa collín o Camiño de Inverno. O primeiro libro sobre a ruta da la (Alacante.-Burgos) tituleino “O presente do pasado” porque pensei que nel se vería o Camiño Francés nos anos 70 porque non hai nada, non hai albergues, pero si moita dispoñibilidade da xente que te axuda. Despois a do Camiño Francés (Burgos-Ponferrada) chameille “O presente para revisar” porque eu creo que nel antes do Covid había moitísimas cousas que non me gustaban, a comercialización, todo se chama Santiago… E do Camiño de Inverno é “o presente do futuro”. E teño un cuarto libro (Santiago-Muxía) chamado “Homenaxe a Muxía”.

¿Por que o “presente do futuro”?

Porque eu creo que facer esta ruta agora é unha antelación do que pasará nos próximos anos, sobre todo se os políticos axudan a non destrozalo como infelizmente eu creo que pasou no Camiño Francés, por exemplo. Teño a esperanza de que este Camiño nuns anos se poida desenvolver ben nunha medida sostible.

 

 

¿Como descubriu este Camiño?

Coñecendo un pouco a historia dos camiños enganchoume moito o feito de que este itinerario se usase no inverno porque O Cebreiro estaba cheo de neve. Así que pensei, vou velo no verán ese despois se pode facer, pois vou repetir no inverno, e foime moi ben.

E agora xa case podemos dicir que o fixo no outono…

Si, aínda me falta a primavera, espero que Santiago me dea tempo para poder facelo en primavera tamén.

O traxecto cambia completamente coas estacións do ano…

Si, son camiños distintos, eu cría que non me gustaba repetir un camiño, pero é unha tontería. Cada camiño en cada momento do ano é diferente. Unha cousa que estou notando e que me gustou moito é que hai algúns síntomas de investimento en aloxamentos privados, supoño que coa axuda das administracións, de fondos europeos… Pero vin que hai bastante traballo novo con relación a hai dous anos.

 

Adriano Gasperi recibido polos seus amigos no Bar Mar de Sobradelo./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

 

¿Que significa o Camiño para vostede?

É como quitarme o traxe e quedarme desnudo fronte a persoas que non coñezo coas que pode nacer unha amizade ou pode simplemente acabar o momento no cal falamos e despois, mañá, xa non nos veremos. Podo dicir que a case totalidade de mis amigos desta parte da vida son amigos do Camiño e decidín que cando acabe esta viaxe poo Camiño de Inverno vou iniciar unha experiencia que nunca fixen de acollida porque gustaríame restituír un poco o que o Camiño me deu, será en Foncebadón dúas semanas. Estou moi ilusionado porque é algo que nunca fixen, será fácil, difícil, non o sei…

Texto: A.R.
Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button