CulturaCulturaÚltima hora

O adro da igrexa de Castro Caldelas encheuse no VII Festival Sons da Gaita

Esta cita está organizada pola Asociación Cultural Os Trabazos e este ano convidaron aos Gaiteiros de Ruada de Torroso, de Mós, e aos Gaiteiros de Pé Feito, de Ourense

Cara ás cinco e media da tarde de hoxe, 5 de agosto, a chamada da gaita facía que os habitantes e visitantes de Castro Caldelas se achegasen cara ao adro da Igrexa para poder gozar da música do VII Festival Sons da Gaita, organizado pola Asociación Cultural Os Trabazos e que este ano convidou aos Gaiteiros de Ruada de Torroso, no concello pontevedrés de Mós, e aos Gaiteiros de Pé Feito de Ourense.

Os encargados de abrir o acto foron os propios anfitrións que ofreceron primeiro un espectáculo de gaita e percusión tradicional para interpretar muiñeiras e unha Foliada de Monforte, entre outras pezas. Tras diso, foi a quenda das pandeireiras máis benxaminas da agrupación, que están a aprender a arte de tocar este instrumento de percusión e, a pesares de que os nervios se lle vían a flor de pel, souberon demostrar a súa calidade. E das pandeiretas aos cantos, xa que logo as mesmas rapazas, canda as cantareiras de Os Trabazos, cantaron dúas pezas.

Logo foi a quenda das agrupacións convidadas, que tamén demostraron ter unha grande calidade e un estilo impoluto á hora de representar as diferentes pezas dos seus lugares de orixe.

Ao rematares o festival, sortearon dúas cestas con produtos da terra das rifas que venderon para poder financiar esta cita cultural enmarcada dentro das festas da vila.

Texto e fotos: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button