ConcellosQuirogaÚltima hora

Adxudicada a construción do novo cemiterio municipal de Quiroga e dunha nova rúa

Exterior do Concello de Quiroga.

 

O Concello de Quiroga vén de adxudicar a primeira fase de construción do cemiterio e da nova rúa que unirá a rúa Tallos coa rúa Rego da Silva e ademais dará servizo ao novo cemiterio. Esta primeira fase do proxecto conta cun orzamento de 175.000 euros, 75.000 euros financiados por Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, para a construción do campo santo e 100.000 euros, financiados pola Consellería Infraestruturas e Mobilidade, para servizos básicos (auga, rede de sumidoiros,..) para o cemiterio e para o novo viario.

“No pasado mes de xuño, o Consello da Xunta de Galicia daba luz verde á ocupación dos terreos pola vía de urxencia. No mes de xullo tiña lugar o levantamento da acta de ocupación na que se recollían os datos dos propietarios e das parcelas implicadas, pasando os terreos a ser propiedade do Concello. Agora comeza xa un proxecto bianual que dotará aos veciños dun cemiterio municipal e da urbanización dunha nova rúa”, explican dende o Concello de Quiroga.

Tras a contratación agora a empresa adxudicataria comezará co replanteo dos terreos polo que na vindeira semana poderán verse xa as máquinas no movemento dos terreos para estas dúas obras, que se levarán a cabo ao mesmo tempo.

O alcalde quirogués, Julio Álvarez, destacou a rapidez coa que se levou a cabo este proxecto “pois nun ano tomouse a decisión política dunha obra que xa está contratada; tras pasar por todas as súas fases de conseguir os terreos, realizar o proxecto, conseguir a aprobación de todas as administracións competentes e acadar o financiamento”.

O proxecto do novo recinto mortuorio, endosado ao actual cemiterio, ten unha superficie de 3.326 m2, no que se construirán 1.154 unidades de enterramento novos entre panteóns e nichos. Tamén contará con dous columbarios para depositar as urnas das cinzas con 42 espazos cada un; e un local de culto aconfesional. Dende o novo recinto crearase unha rúa en diagonal e unha serie de rúas que facilitarán o acceso a todos os servizos do cemiterio así como ao antigo camposanto.

En canto a nova rúa, a que o rexedor local cualificou como “a mellor rúa da vila”, terá unha lonxitude de 200 metros e unha anchura de 16 m., grazas, como recalcou o alcalde, “á xenerosidade dos propietarios que cederon os terreos”.
Tras a adxudicación desta primeira fase das obras, Julio Álvarez, amosouse moi satisfeito polo inicio dun proxecto do que “tiña moitas gañas, tanto política como persoalmente” e que se une a outro proxecto que se está realizando dentro deste mesmo ano, o acondicionamento dunha praza no centro da vila. “Tres proxectos importantísimos que tiña en carteira, dende o punto de vista urbanístico (a rúa e a praza) e de servizos (cemiterio), seguramente das obras máis importantes de todas as que se están realizando na zona sur de Lugo” matizou o rexedor.

Unha vez iniciada esta primeira fase das obras, trabállase xa no que será a seguinte fase para a que se calculan uns 370.000 €, nesta ocasión seguramente a cargo dos fondos propios do concello.

Artigos relacionados

Back to top button