CarballedaConcellosÚltima hora

Adxudicada a redacción do estudo para mellorar o tránsito entre as marxes do Sil en Sobradelo (Carballeda de Valdeorras)

Analizarase unha nova ponte para tráfico rodado sobre o río, augas abaixo, determinando o acceso ao Clúster da Pizarra de Galicia. Tamén se estudará a execución dunha estrutura peonil tipo pasarela que, augas arriba da Ponte Nova, conecte coa senda que discorre paralela á N-536 coa marxe norte do río Sil

Fonte: Consellería de Infraestruturas.

 

Vén de adxudicarse a redacción do estudo de viabilidade da mellora do tránsito peonil e de vehículos entre as marxes do río Sil, en Sobradelo, no concello de Carballeda de Valdeorras. “Este contrato, cun investimento autonómico que rolda os 18.000 euros, foi adxudicado á empresa consultora Temha. O prazo de execución para a redacción do proxecto é de 5 meses”, tal e como informa a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.

O tránsito entre ambas as marxes do río Sil en Sobradelo realízase a través da chamada Ponte Nova, construída no século XVII e polas súas características e valor histórico trátase de evitar que serva de soporte do tránsito rodado.

Para iso, o estudo de viabilidade obxecto deste contrato centrarase no desenvolvemento de dúas estruturas distintas nesta contorna do municipio ourensán. Dunha banda, analizarase a posibilidade de executar unha estrutura peonil tipo pasarela que, augas arriba da Ponte Nova, conecte coa senda que discorre paralela á estrada N-536 coa marxe norte do río Sil.

Doutra banda, avaliarase a opción de acometer unha nova ponte para tráfico rodado sobre o río Sil, augas abaixo da Ponte Nova. “O estudo de viabilidade deberá determinar o punto idóneo para situar a infraestrutura, sendo unha das opcións que se poden considerar o acceso que está previsto executar ao Clúster da Pizarra de Galicia no marco da nova estrada en execución de conexión da N-536 coa N-120”, asegura Infraestruturas.

Artigos relacionados

Back to top button