ConcellosRubiáÚltima hora

Adxudicadas as obras de mellora da OU-129 na Veiga e en Viana do Bolo

A intervención, que comezará en agosto, consistirá no reforzo de firme da estrada, ademais doutras actuacións ao longo de todo o seu trazado, de algo máis de 10 km de lonxitude, de cara a mellorar a seguridade viaria

 

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou por máis dun millón de euros as obras de acondicionamento da estrada OU-129, ao seu paso polos concellos da Veiga, de Viana do Bolo e do Bolo. Estas obras, adxudicadas á empresa Aglomerados y Construcciones Valdeorras S.A, comezarán no vindeiro mes e terán un prazo de execución estimado en 6 meses.

A intervención consistirá no reforzo de firme da estrada, ademais doutras actuacións ao longo de todo o seu trazado, de algo máis de 10 km de lonxitude, de cara a mellorar a seguridade viaria. Tamén se rematará a renovación da rodaxe en todo o ancho da estrada mediante a extensión de drenaxe transversal. Os traballos inclúen a reposición de 4.000 metros da barreira metálica existente, a renovación de toda a sinalización vertical, así como a colocación de fitos quilométricos e captafaros, segundo informa a Infraestruturas.

Ademais, prevese o repintado de todas as marcas viarias, a limpeza das marxes da estrada, con limpeza e reapertura de cunetas, e a adecuación de treitos antigos como cambios de sentido.
No marco deste contrato, actuarase tamén na zona de conexión da estrada OU-533, ampliando a plataforma dun ramal para dar continuidade á sección da estrada, máis 2 metros de cuneta transitable.

Tamén se corrixirá o peralte da curva do punto quilométrico 8+400 da OU-129, renovaranse as xuntas de dilatación na ponte sobre o río Xares e procederase á renovación da capa de rodaxe e á reparación das beirarrúas.

A titularidade da OU-129, a antiga OU-0804, foi transferida á Xunta, segundo o aprobado o pasado 24 de setembro de 2020 polo Consello da Xunta, dando cumprimento ao acordado coa Deputación Provincial de Ourense, polo que esta asumiu a titularidade das estradas OU-211 e OU-400.

Artigos relacionados

Back to top button