Por máis de 48.000 euros veñen de adxudicarse as obras de mellora da seguridade e da accesibilidade da estrada OU-636 en Larouco. A intervención, adxudicada pola Xunta á empresa Aglomerados Valdeorras S.A, comezará a principios do vindeiro ano e terá un prazo de execución de 4 meses.
As obras desenvolveranse na estrada OU-636 ao seu paso polos núcleos de Larouco e da Caseta. Executaranse cunetas transitables que conecten coas beirarrúas existentes e adecuaranse aos requisitos de accesibilidade os pasos peonís actuais.
No núcleo de Larouco proxéctanse tres tramos de cuneta transitable de formigón armado que suman unha lonxitude de 190 metros e conectarán coas beirarrúas actuais.
Tamén se reforzará a accesibilidade nos pasos de peóns, dotando as beirarrúas de tramos en rampla e baldosas podotáctiles, ampliando a súa anchura nestes puntos para evitar o aparcamento na aproximación ao paso e mellorar a visibilidade.
No núcleo da Caseta executaranse dous tramos de senda-cuneta entre os puntos quilométricos 19+850 e 19+910.