OurenseÚltima hora

Adxudícase a redacción do proxecto para o estudo de alternativas de mellora na conexión Arnoia-Ribadavia

Reunión do delegado da Xunta co alcade de Arnoia.

 

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, reuniuse esta mañá co alcalde de Arnoia, Rodrigo Aparicio, para trasladarlle que a Xunta de Galicia vén de adxudicar a redacción do proxecto para o estudo de alternativas da mellora da conexión entre Arnoia e Ribadavia, na estrada OU-402.

Gabriel Alén explicoulle ao alcalde que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou ao consultor ‘Tipologías Estructurales en Madera, Hormigón y Acero, S.L’ a redacción do proxecto por un importe de 18.000 €, que terá que estar rematado nun prazo de 5 meses.

O obxectivo deste estudo de viabilidade é dar solución ao problema de mobilidade que se presenta na estrada OU-402, na contorna do treito comprendido entre os P.Q. 30+720 e 32+180, permitindo así mellorar a conexión con Ribadavia, xa que a estrada da Deputación que conecta ambos os concellos, Ribadavia e Arnoia, ten limitada a tonelaxe na ponte sobre o río Miño e non permite o cruce de vehículos pesados.

Estudaranse, como mínimo, tres posibles alternativas dende o punto de vista técnico, construtivo e económico para mellora a conexión e favorecer a mobilidade entre estes dous municipios: unha nova ponte sobre o Miño que substitúa á actual “Ponte da Barca” e elimine a limitación de tonelaxe; unha nova ponte sobre o Miño para conectar Arnoia con Ribadavia en Francelos; ou unha mellora de trazado da OU-402 ata Castrelo de Miño.

O delegado territorial tamén lembrou que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, está a redactar un proxecto para unha primeira fase de acondicionamento da OU-402 no treito de saída de Arnoia, que será sometido nesta primavera a información pública.

Artigos relacionados

Back to top button