SanidadeÚltima hora

Adxudícase a reforma da UCI do Hospital de Ourense e licítase a do servizo de medicina nuclear

A mesa de contratación propuxo esta semana á UTE Seranco SAU + Oreco SAU como adxudicataria do contrato de proxecto, execución e dirección facultativa das obras de reforma da Unidade de Coidados Intensivos por 8,2 millóns de euros

Exterior do Hospital Universitario de Ourense./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

Esta semana fíxose pública a proposta de adxudicación, por parte da mesa de contratación, do proxecto, execución e dirección facultativa das obras de reforma da Unidade de Coidados Intensivos, do Hospital Universitario de Ourense, á UTE Seranco SAU+Oreco SAU, que disporán dun orzamento de 8.221.708 euros para poñer en marcha a que será a primeira UCI deseñada tendo en conta as necesidades da pandemia.

“Con esta obra, o Hospital de Ourense duplicará o espazo actual da súa unidade de coidados intensivos, que ampliará as súas marxes dentro da cuarta planta do Edificio Cristal, mediante unha adaptación de espazos para a implantación de tres módulos da UCI cos seus correspondentes áreas asistenciais e administrativas de apoio”, tal e como informa a Consellería de Sanidade.

O proxecto, asegura o Sergas, axeitarase “aos mais actuais requirimentos estruturais dunha unidade de críticos, referidos á dimensión dos postos, á configuración dos espazos e á climatización e conservación, acorde ás novas regulacións do manexo de pacientes, incluídas aquelas específicas no marco da pandemia da covid, pero tamén aos novos procedementos asistenciais e uso de novas tecnoloxías e equipamentos electromédicos ou de alta tecnoloxía”.

As obras presentan unha alta complexidade, porque se desenvolverán no mesmo mesmo núcleo do hospital, onde se sitúan na actualidade as dúas unidades de críticos: UCI e Reanimación. Estes dous servizos son os que precisamente se coordinaron e compartiron espazos para facer fronte á demanda asistencial dos pacientes críticos durante a pandemia.

Publicada a licitación da obra en medicina nuclear

Por outra banda, tamén nesta semana, o Portal de Contratos Públicos de Galicia publicou a licitación, autorizada polo Consello da Xunta do pasado 3 de marzo, do contrato da obra do Servizo de Medicina Nuclear no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, por un importe de 2.271.164 euros. Ábrese agora un prazo de presentación de ofertas por parte das empresas candidatas ata o día 6 de abril.

En consonancia co anunciado co presidente da Xunta no Consello celebrado en Ourense, esta obra completarase con outros 2.987.813 euros para o equipamento, que inclúe o primeiro PET-TC que se instala na provincia e dúas novas gammacámaras de última xeración, sumando un investimento global de 5.528.978 euros para a construción e o equipamento do Servizo de Medicina Nuclear no andar -1 do CHUO.

Este novo servizo estruturarase en catro áreas básicas. Terá unha área non protexida onde se sitúan as dependencias ambulatorias e de admisión; unha área radioprotexida, composta por dúas gammacámaras, sala técnica común, a sala de inxección e as esperas correspondentes e a cámara quente e residuos. A terceira área será a de terapia metabólica, cunha habitación, sala diferenciada para limpeza da área, oco para residuos sólidos e control de enfermería; e por último unha área de PET-TC, independente e con entrada diferenciada. Todos os espazos blindaranse de maneira adecuada para a protección do paciente e o profesional.

Estas obras realizaranse en paralelo ás de ampliación hospital de referencia provincial, que arrancarán este mesmo mes de marzo, segundo anunciaron este luns o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña e a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez Mourelle, no acto de sinatura da acta de replanteo, que dan inicio aos prazos, para a construción dun novo edificio de hospitalización de 12 andares e a reforma integral do Materno Infantil, un investimento de preto de 52,6 millóns e xerará preto de 1.000 empregos.

Artigos relacionados

Back to top button