SanidadeÚltima hora

A AECC de Ourense estrea un banco de perrucas e pide doazóns para incrementalo

O colectivo destaca un aumento nas demandas deste servizo que xustifica coa caída de tabúes na sociedade
Á esquerda, Maribel Fernández e Luis Chao, do Rotary Club, xunto á presidenta da AECC co novo espazo creado para as perrucas.
Á esquerda, Maribel Fernández e Luis Chao, do Rotary Club, xunto á presidenta da AECC co novo espazo creado para as perrucas.

A Asociación Española Contra o Cancro (AECC) estrea na súa delegación de Ourense un banco de perrucas. Así o mostraban membros do colectivo nunha presentación celebrada na mañá do 26 de outubro. Este novo espazo vén a dar continuidade a un servizo de préstamo gratuíto que xa se viña ofrecendo dende hai tempo a afectadas por esta enfermidade pero que agora busca incrementarse pedindo doazóns. A súa construcción foi posible grazas a unha colaboración económica de 2.000 euros procedente do Rotary Club. Precisamente nesa presentación estiveron en representación do clube Maribel Fernández e Luis Chao, que acompañaron á presidenta da AECC, María Isidora Gómez, e á traballadora social da entidade, Rocío Taboada, para dar a coñecer máis de preto esta iniciativa agora reforzada cun espazo físico adicado en exclusiva.

“É un espazo para darlle cercanía ás persoas que necesitan ter un lugar íntimo”, explicaba Gómez. A asociación xa viña prestando este servizo mediante o cal se prestaban perrucas, pañuelos e gorros ás afectadas pola enfermidade e que, debido aos fortes tratamentos, acaban perdendo temporalmente o seu cabelo natural. Sen embargo, non había un lugar específico para ofrecer este servizo. Agora, este novo espazo ofrece un expositor con todos os modelos de perrucas dispoñibles. Actualmente, o banco conta cunhas 60 aproximadamente, aínda que non están todas operativas, pois hai 25 que están sendo usadas. Por iso, dende o colectivo fan tamén un chamamento á poboación para lograr incrementar, entre todos, a oferta do préstamo. Salvo dúas que foron mercadas coa aportación do Rotary Club, todas as perrucas foron doadas por particulares. Piden especialmente cabeleiras longas, pois cada perruca prestada remata personalizándose para cada afectada e, unha vez que sofre recurtes, é imposible rexenerala.”As máis demandadas son as de pelo longo ou media melena, xa que vén moita xente nova, de entre 30 e 40 anos, que quere este tipo de perrucas”, indicaba Taboada.

A AECC de Ourense leva atentidas 152 mulleres no que vai de ano, das cales 55 foron asesoradas a nivel estético. Destas, o 80% eran mulleres afectadas por cancro de mama e 41 delas adquiriron finalmente perrucas. Este asesoramento tamén é posible grazas á colaboración de QM Estilistas, con Quique Martínez á fronte. Encárgase de axudar ás afectadas a recuperar o sorriso adaptando a súa imaxe á nova situación. El, xunto coa traballadora social e a psicóloga do colectivo, traballa para que a perda do cabelo sexa menos amarga.

Nesta liña, dende a asociación tamén indicaron que están rexistrando un incremento moi notable nas persoas interesadas en adquirir en préstamo unha perruca. Xustifican este cambio de tendencia na caída dos tabúes entre a sociedade e nunha maior concienciación cara esta problemática. Así, son cada vez máis as mulleres que deciden enfrontarse a esta etapa da enfermidade sen perder os coidados estéticos. Para iso, dende a AECC tamén organizan talleres de coidados estéticos e autmaquillaxe gratuítos coa colaboración e asesoramento de QM Estilistas.

Texto e foto: Sara Fontenla.

Artigos relacionados

Back to top button