En portadaÚltima hora

A AEMET eleva o nivel amarelo á montaña ourensá por saraiba e fortes choivas

A alerta esténdese tamén á montaña lucense e ao norte e noroeste desa provincia
Os ceos permanecerán anubrados até a tarde. // Foto: Carlos Asensio.

Axencia Estatal de Meteoroloxía decretou o nivel amarelo por tormentas, con posibilidade de choivas fortes localizadas, saraiba con fortes refachos de vento pola montaña ourensá nas derradeiras horas de hoxe;a montaña lucense ao medio día e sur da provincia de Lugo. Ademais que prevén o seu desprazamento até as zonas do norte e nordeste de Lugo.

De feito, unha tormenta sorprendeu esta mañá aos veciños da capital. Os ceos de Ourense amenceron nubrados, ruidosos e alumeados por lóstregos. Segundo as informacións achegadas por Meteogalicia, na nosa comunidade caeron, entre as 00:00 e as 10:00 horas, un total de 3.131 raios, a meirande parte entre as provincias de Ourense e Lugo. En canto a faixa de tempo onde máis se fixo sentir esta tormenta foi entre as 6:00 e as 8:00.

Raios caidos en Galicia// Fonte: Meteogalicia.

No eido das precipitacións, segundo os datos aportados polo instituto meteorolóxico galego, ás 12:01 horas caeran na cidade entre 11 e 13 litros por metro cadrado. No eido das incidencias destacables, dende a Policía Local de Ourense aseguraron que non houbo nada destacable “simplemente un pouco de exceso de tráfico nas entradas dos colexios, xa que comezou a chover con moita intensidade xusto no momento no que os rapaces entraban a clase”. O mesmo sinalaron dende os Bombeiros e Protección Civil. Aínda así, producírone cortes de luz intermitentes de poucos segundos nalgunhas vivendas do casco urbano.

As choivas continúan incesantes na capital, sendo chuvascos intermitentes que nalgunhas partes da mañá caeron con máis forza. Segundo o meteorólogo de Meteogalicia, Juán Taboada, Galicia segue baixo a influencia dun anticiclón en superficie, o que fai que as temperaturas se manteñan, pero esta tormenta débese “a unha zona de aire frío en altura”, explicou.

Os veciños da capital víronse sorprendidos pola auga esta mañá. // Foto: Carlos Asensio.

Por este motivo, dixo Juán Taboada, cara á tarde “haberá algún que outro chuvasco” pero os ceos despexaranse e incluso “fará calor”. En canto á predición a longo prazo, Taboada sinala que a partires do xoves fará “sol e calor”. É dicir, a situación restablecerase aínda que mañá, mércores 14 de xuño, “haberá probabilidade dalgunha nube de evolución” dixo, pero non haberá precipitacións.

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button