En portadaÚltima hora

AEVA creará unha comisión de traballo centrada no Xacobeo 2021

Esta asociación empresarial celebraba a súa asemblea anual na tarde do 21 de novembro no Barco

 

O Xacobeo do 2021 será o primeiro Ano Santo para o Camiño de Inverno como ruta oficial. Tomando este feito como referencia, e o feito de que a Administración galega está articulando diversas liñas de axudas para a posta en valor e promoción das diferentes rutas xacobeas, a Asociación Empresarial de Valdeorras ten previsto crear unha comisión de traballo que se centrará no Xacobeo 2021.

A decisión tomábase na asemblea xeral ordinaria da entidade, presidida por Araceli Fernández del Palacio e celebrada na tarde do 21 de novembro no Restaurante Fernando III do Barco. A intención é integrar dentro deste grupo de traballo a outras asociacións como O Barco Centro Comercial Aberto, a Ruta do Viño de Valdeorras e tamén a Asociación Amigos do Camiño de Santiago por Valdeorras, entre outras.

No decurso desta asemblea tamén se analizaba un dos cabalos de batalla da asociación: a deficiente situación das infraestrutras da comarca. Comentábase a problemática e os trastornos que está a supoñer o peche da estrada N-120, principal vía de comunicación de Valdeorras coa capital da provincia, por un desprendemento na zona de Velle, así como a necesidade de contactar cos concellos para esixir de maneira conxunta a mellora desta infraestrutura.

Tamén se abordaba a situación do proxecto da A-76, así como o inicio da construción da estrada de circunvalación do Barco, “desta maneira a administración central saldou unha débeda histórica con Valdeorras”, dicía a presidenta. Tamén se mencionaba o mal estado dalgunhas estradas de Carballeda de Valdeorras e a necesidade de mellorar a OU-533, entre A Rúa e A Gudiña.

Araceli Fernández facía un balance das xestións realizadas neste eido durante o último ano, ademais de lembrar a actividade que desenvolve a asociación en materia de promoción do emprego a través de iniciativas como a axencia de colocación, orientación laboral e AEVAempregaTE. Referíase seguidamente aos esforzos realizados para tratar de impulsar un proxecto turístico para a comarca, “pero eses esforzos foron absolutamente frustados pola falta de vontade política, deste xeito Valdeorras perde a oportunidade de desenvolver un sector cun enorme potencial”.

 

A presidenta de AEVA, Araceli Fernández.

 

Na reunión aprobábanse as novas afiliacións da asociación, un total de 15 dende a última asemblea, e tamén se sometían a votación as contas e o orzamento para o ano 2019. Ademais rendiáselle homenaxe ás empresas que cumpren 20 anos dentro da asociación neste ano 2019: Academia Epsilón, O Barco Inmobiliaria, Producciones Musicales Antolín SL, Asesoría María Luz Domínguez e Saltalavista Internet.

Clausura da man do arqueólogo Lauro Olmo

Finalmente o acto de clausura da asemblea corría a cargo do arqueólogo de orixe valdeorresa Lauro Olmo Enciso, director do Parque Arqueolóxico de Recópolis (Zorita de los Canes-Guadalajara) e fillo do dramaturgo Lauro Olmo Gallego. Na súa intervención abordaba o potencial social e económico do patrimonio arqueolóxico de Valdeorras. “Hoxe a imaxe da arqueoloxía ten cambiado moito,  é unha imaxe máis apegada á terra e dedicada a estudar unha paisaxe e como nela se teñen ido sucedendo diferentes sociedades que configuran unha memoria e mesmo que nos configuran como cidadáns”, indicaba.

 

O arqueólogo Lauro Olmo Enciso, na clausura da asemblea de AEVA.

 

Plantexaba como se poden realizar proxectos de desenvolvemento partindo do patrimonio cultural e arqueolóxicos dunha zona, poñendo como mostra o realizado en Rocópolis, un xacemento visigodo que hoxe é un parque arqueolóxico. E comentaba a cadea de valor do patrimonio, un proceso que se inicia coa identificación do recurso e segue coa súa documentación e rexistro, coa valoracióne significación, coa intervención para a súa conservación, coa difusión e socialización ata chegar, finalmente, ao impacto económico “e como iso pode xerar iniciativas de desenvolvemento económico”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button