En portadaÚltima hora

AEVA imparte un curso de “Promoción turística local”, con certificado de profesionalidade de nivel 3

Ten unha duración de 708 horas e no seu marco están impartindo charlas prácticas expertos como o secretario do Clúster de Turismo de Galicia
A presidenta de AEVA, Araceli Fernández, co docente Ignacio Fernández (á esquerda) e o secretario do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo González.

Ata o vindeiro 15 de maio a Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA) impartirá no Barco o curso “Promoción turística local e información ao visitante”. Esta acción formativa ten certificado de profesionalidade de nivel 3 e “inclúe prácticas profesionais en empresas e capacita ao alumnado para traballar como informador turístico, xefe de oficina de información turística, promotor turístico, axente de desenvolvemento local e técnico de información turística”, tal e como explicaba a presidenta desta organización empresarial, Araceli Fernández, en rolda de prensa na mañá do 15 de decembro xunto a Ignacio Fernández, docente deste curso, e Cesáreo González, secretario do Clúster de Turismo de Galicia, que vén de impartir unha charla nel.

Esta iniciativa, que neste momento conta con 9 alumnos e na que participarán tres docentes, comezaba o pasado mes de outubro e terá unha duración de 708 horas. Ademais AEVA está impartindo nestes momentos outro curso sobre “Xestión integrada de recursos humanos”. Ambas están enmarcads dentro do Plan AFD (Accións Formativas dirixidas prioritariamente a persoas traballadoras desempregadas) da Xunta de Galicia para os anos 2017 e 2018.

“Espero que este curso sexa para os alumnos un punto de inflexión para o seu futuro laboral, o compromiso de AEVA é apoialos na súa andaina profesional, tanto se deciden emprender algunha iniciativa por conta propia, entendendo que a actividade turística na comarca ten grandes potencialidades, como se optan por buscar emprego por conta allea a través da nosa axencia de colocación”, aseguraba a presidenta da AEVA.

Pola súa banda, o docente Ignacio Fernández, referíase á metodoloxía do curso que combina o apartado teórico cunha serie de “experiencias prácticas reais, por iso estamos traendo, cunha periodicidade case semanal, a expertos en diferentes ramas do sector turístico co obxectivo de que os alumnos obteñan a mellor formación posible”. Ademais os alumnos terán tamén un apartado de prácticas específicas.

Entre os expertos que están pasando por este curso figura Cesáreo González, quen lembraba nel a posta en marcha do Clúster de Turismo de Galicia, así como a súa composición e forma de actuación. “Intentamos buscar unha cooperación empresarial entre todo o sector empresarial turístico de Galicia. O clúster creouse hai catro anos e pasamos de 11 asociados iniciais a 52 asociacións integradas actualmente e a 10 empresas con máis de 50 empregados. Somos sector privado pero tamén contamos coa colaboración pública”. Ademais González resaltaba o valor “do traballo en rede e en equipo, é a única forma de poñer en valor os recursos, paquetizalos e colocalos no mercado” e incidía na importancia de poñer en valor recursos turísticos valdeorreses como a lousa ou o viño.

Artigos relacionados

Back to top button