EconomíaEconomíaÚltima hora

AEVER ultima unha nova edición da Pasarela Verín de Moda

O desfile, organizado pola Axencia Luena, celebrarase o 24 de setembro no pavillón de deportes
O xerente da Axencia Luena, Manuel Varela; e o xerente e presidente de AEVER, Xosé Ángel Rodicio e Santos Álvarez xunto a algúns modelos, na presentación da pasarela.
O xerente da Axencia Luena, Manuel Varela; e o xerente e presidente de AEVER, Xosé Ángel Rodicio e Santos Álvarez xunto a algúns modelos, na presentación da pasarela.

Un ano máis Verín prepárase para acoller a pasarela de moda organizada por AEVER coa colaboración do Concello, da Xunta e da Deputación de Ourense, que se celebrará o vindeiro 24 de setembro no pavillón deportivo.

Na presentación do acto, que tiña lugar na sede da Asociación de Comerciantes de Verín, o xerente do colectivo Xosé Ángel Rodicio definiu o evento como “un apoio ao sector do comercio coa finalidade de concienciar e motivar ao conxunto da cidadanía sobre a importancia económica e social do comercio na nosa vila, que é sen lugar a dúbidas un dos principais motores da economía local”.

Como en edicións anteriores, previo ao desfile, o sábado 10 de setembro de 17 a 20 horas, haberá un casting infantil no que se seleccionarán nenos e nenas, con idades comprendidas entre os 4 e 12 anos, que participarán como modelos por un día na pasarela. “Hai que salientar que cada tenda solicita un máximo de 6 nenos/as de diferentes idades, e pode ser que algunhas idades non sexan solicitadas, por iso queremos agradecer a todos a súa participación e que saiban que para nós todos son modelos” recalcou Manuel Varela, xerente da empresa organizadora, Axencia Luena.

E xa o sábado 24 de setembro ás 19:30 horas terá lugar a Pasarela Verín de Moda, un desfile de moda, cun alto carácter escénico, no que se amosarán distintas coleccións. Tal como explicaron na presentación, no evento participarán modelos profesionais e figuras do panorama actual, especialmente galegos. A participación de marcas, casas, deseñadores e comerciantes de renome “fai deste evento un acto altamente desexado e agardado ano tras ano, que dinamiza o mes de setembro, o mes elixido por ser o cambio de tempada para o comercio, e un mes ó que se lle quere dar protagonismo de cara ó reclamo turístico e a actividade comercial”, aseguran dende AEVER.

Nesta edición a presentación do evento correrá a cago de Diana Nogueira, presentadora e actriz viguesa, mentres que o cantante Hugo Torreiro (participante do programa “La Voz”) porá o broche musical á tarde. O espectáculo constará dunha impresionante apertura, pases de moda das diferentes casas participantes e actuacións para todas as idades.

Artigos relacionados

Back to top button