ConcellosÚltima hora

Aforo completo nunha exitosa VII Festa do Botelo do Barco na Coruña

Unhas 280 persoas reuníanse neste 15 de febreiro para desfrutar deste saboros embutido valdeorrés no restaurante Árbore da Veira no Monte de San Pedro

Coa recepción de comensais ás 12:30 horas deste sábado 15 de febreiro e cos aperitivos comezaba a exitosa VII Festa do Botelo do Barco na Coruña, promovida polo Concello barquense. Desenvolvíase novamente no restaurante Árbore da Veira, no Monte de San Pedro, e resultaba “un éxito total”, en palabras do seu coordinador, José Ángel Rodríguez.

Así esta cita promocional do embutido barquense congregaba a 280 persoas, é dicir, o aforo completo do evento. Ademais houbo xente que se quedou sen entrada para o xantar, ao esgotarse as mesmas. Entre os presentes estaban o alcalde do Barco, Alfredo García, e a concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta.

 

Os asistentes desfrutaban dun xantar cuxo menú era, en primeiro lugar, sopa de cocido e a xa tradicional empanada de maravallas. E, como non podía ser doutro xeito, o prato principal era o botelo, acompañado de cachelos, chourizos e verdura. Todo isto regado cos viños de godello da Adega D´Berna e o tinto mencía de Adega Roandi. Na sobremesa servíase bica e os licores da Adega Godeval.

 

 

Tampouco faltaba a música e ademais con sorpresa incluída. Á metade do xantar, aparecían, como se fosen camareiros, os membros do grupo Galiartist (unha soprano, un tenor e un pianista), que interpretaban un total de cinco arias de ópera. A última das pezas era da Traviata, nos brindes. “Esta é a banda sonora que sempre se usa nos vídeos sobre a Festa do Botelo do Barco na Coruña e con esa aria a xente levantouse coa copa e fixemos un brinde”, destaca José Ángel Rodríguez, de quen xurdía a idea.

Finalmente, tras o xantar, non faltaba o baile ata ben entrada a tarde contanco coa actuación, un ano máis de Os Peteras.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button