ConcellosO BarcoÚltima hora

Agredido un axente da Policía Local do Barco, presuntamente por un denunciado por non levar máscara

 

O Xulgado de Instrución número 2 do Barco de Valdeorras recibiu onte xoves da Garda Civil dilixencias para determinar responsabilidades na agresión sufrida por un axente da Policía Local desta localidade, que se atopa de baixa a causa das lesións que lle provocou esta agresión.

Segundo se informa dende o Concello do Barco, os feitos producíanse na tarde do 16 de abril, cando o axente, “que se atopaba fora de servizo e realizando actividades normais de lecer, foi atacado por detrás e tirado ao chan, para logo recibir varias patadas. O presunto autor foi localizado pouco despois, preto do lugar dos feitos, por unha patrulla da Policía Local”.

Unha vez comprobada a identidade do presunto agresor, as investigacións posteriores permitiron comprobar que “este veciño do Barco, de 39 anos de idade, recibira o mesmo día a notificación dunha denuncia por non levar máscara, que fora proposta polo axente agredido en agosto do 2020”, tal e como indica o Concello.

Os feitos foron denunciados pola Policía Local no posto da Garda Civil do Barco, que este xoves tramitou as dilixencias no Xulgado, por un presunto delito de atentado a axente da autoridade. O axente atópase de baixa polas lesións sufridas na agresión, e que polo momento lle impiden desenvolver o seu traballo.

Este tipo de agresións, de producirse unha condena, poden ter unha pena de prisión de entre 6 meses e tres anos, matiza tamén o Concello do Barco.

Artigos relacionados

Back to top button