EconomíaEconomíaÚltima hora

Agricultores e produtores da Limia únense para vender online 2 millóns de kg de patacas en seis semanas

A patata que porán á venda é a da variedade agria a un prezo de 19 euros a caixa de 20 quilos e de 12 eurosa de 10, con todo incluído

Pataca da variedade agria.

 

Non hai sector que non se vise afectado pola crise sanitaria e o da pataca non é unha excepción. A Limia, unha das principais zonas de produción do país, acumula segundo a Asociación de Productores de Pataca da Limia, uns 5 millóns de quilos cuxa venda se complicou e que nun mes e medio empezarán a deteriorarse.

Esta difícil situación levou a un grupo de agricultores e produtores a intentar “o que nunca antes fixeran”, din dende a Limia: agruparse para vender online 2 millóns de quilos nun tempo récord e co compromiso de entrega de 24 horas en calquera lugar da península.

A iniciativa xurdiu do presidente da asociación, Amador Díaz, que grazas á súa páxina web (www.patatasama.com) vendeu, malia a crise, todo o excedente da última campaña. Agora pona a disposición dos seus compañeiros para que “poidan dar saída a eses dous millóns de quilos nun máximo de 6 semanas, o que obrigará a un ritmo medio de venda de 350.000 quilos por semana, uns 50.000 ao día”, explican.

Ao reto sumáronse produtores e tamén agricultores, que deberán ocuparse do envasado das patacas en caixas para que os pedidos saian cara o punto de destino. “Cada día será un produtor distinto quen faga o envío, segundo pedido, ata esgotar o excedente que acumulan entre todos”, explican dende a asociación, engadindo que tamén están facendo xestións con diferentes supermercados para ofrecerlles o produto nas mesmas caixas.

A patata que porán á venda é a da variedade agria a un prezo de 19 euros a caixa de 20 quilos e de 12 eurosa de 10, con todo incluído. Os pedidos chegarán a calquera parte da península dun día para outro si se realizan antes das 17horas. Os que se realicen en fin de semana sairán dos almacéns da Limia o luns e entregaranse no domicilio o martes.

Artigos relacionados

Back to top button