PolíticaÚltima hora

Aida González, candidata socialista á alcaldía de Montederramo

Defende “mellorar as infraestruturas, os servizos públicos e a asistencia aos nosos maiores”, ademais de “promover a actividade económica”, tal e como adiantaba no seu acto de presentación ante a veciñanza neste 13 de abril
Aida González (terceira pola esquerda) no acto de presentación como candidata socialista á alcaldía de Montederramo.

O claustro do Mosteiro de Santa María de Montederramo acollía na tarde do 13 de abril o acto de presentación da candidata socialista á alcaldía deste concello, Aida González. Segundo ela mesma explicaba, pretende “darlle un cambio a Montederramo, cunha aposta polo rural, polas oportunidades para os máis novos e polos servizos para os nosos maiores. Queremos loitar contra a despoboación que sufre o municipio e para logralo a mellor maneira é promover a actividade económica que garanta oportunidades laborais para que a xente deste concello non teña que marchar a traballar fóra”, explicaba a cabeza de lista.

González tamén incidía en que “máis da metade da poboación de Montederramo son maiores de 65 anos, polo tanto, temos que coidar deles e para iso intentaremos crear un servizo de comedor sobre rodas e tamén mellorar os servizos de axuda no fogar”. Referíase asemade á necesidade de “mellorar as infraestruturas por estrada”, así como á de estar en contacto cos gandeiros “porque Montederramo é un dos concellos onde máis explotacións hai e queremos saber que inquedanzas teñen e que podemos facer para axudarlles”.

Dende a candidatura socialista, concluía Aida González, “ofrecemos unha xestión sinceira, honesta, queremos traballar para os veciños de Montederramo e de todos os seus pobos. Reduciremos os gastos non esenciais para poder dedicar eses recursos aos que nós consideramos máis importantes, que son promover a actividade económica, mellorar os servizos públicos e asistencia aos maiores, pero para todo iso necesito de vos”.

Neste acto, ante máis de medio cento de persoas, a Aida González estivo acompañada polo secretario de organización socialista e candidato ao Senado, Juan Carlos Francisco; pola candidata ao Congreso por Ourense, Marina Ortega, e pola deputada galega, Noela Blanco.

 

Artigos relacionados

Back to top button