OurenseÚltima hora

AISGE presenta no OUFF as memorias de Celso Bugallo, Xan Cejudo, Pirula Expósito e Manuel Lourenzo

O acto tivo lugar no Teatro Principal, nunha cerimonia presidida por Emilio Gutiérrez Caba e Isabel Blanco que incluiu a lectura dalgúns fragmentos

 

O 26 Ourense Film Festival (OUFF) vén de ser o escenario escollido pola Fundación AISGE para presentar as biografías de catro grandes intérpretes galegos: Historia dun soño. Autobiografía, de Celso Bugallo; Na pantalla do recordo. Escenas da miña propia vida, de Xan Cejudo e publicada con carácter póstumo; Nunca é tarde, de Pirula Expósito; e Terra labrada, de Manuel Lourenzo.  Estas monografías que xa forman parte de “Taller de la Memoria, unha colección que en palabras do presidente da fundación, Emilio Gutiérrez Caba, “conta as pequenas vidas, ou as grandes vidas, de quen fixo posible tanto no cinema e o teatro”; e “veñen encher un baleiro, porque era imprescindible coñecer a xente que fóra de Galicia quizais non teñen tanto recoñecemento”. Cabe destacar que este acto en Ourense foi o primeiro para el como presidente da institución.

Bugallo, Expósito, Lourenzo e os familiares de Cejudo recibiron os primeiros exemplares nun evento no Teatro Principal de Ourense, no que tamén se leron algúns fragmentos. Á presentación asistiron, ademais de Emilio Gutiérrez Caba, a delegada de AISGE en Galicia, Isabel Blanco, quen lembrou a necesidade de promocionar aos actores con iniciativas como esta. Unha idea que tamén subliñou o director do festival, Miguel Anxo Fernández, nun acto previo no Centro Cultural Marcos Valcárcel: “conservamos as imaxes (as producións audiovisuais), pero necesitamos saber tamén quen foron estas persoas”.

Con estas catro autobiografías, xa son 116 as obras publicadas dentro do Taller da Memoria da Fundación AISGE, todas elas centradas en grandes da interpretación en España. Pola súa banda, o OUFF renova con este acto o seu compromiso por fortalecer a relación entre a literatura e o cinema e coa propia Fundación.

Fotos: OUFF.

Artigos relacionados

Back to top button