Na mañá do 19 de abril e durante a clase de Economía, un total de 24 estudantes da rama de Sociais de Carmelitas en Ourense, desprazáronse ata a CEO para participar nunha charla-coloquio na sede de AJE co seu presidente, Lois Babarro e Nuria Iglesias, tamén membro da directiva.
No transcurso da visita, os xoves tiveron a ocasión de coñecer o ámbito e funcionamento das asociacións empresariais como AJE Ourense. Lois Babarro faloulles sobre a importancia de formarse, de emprender e de levar a cabo os soños e ideas de cada un, e tamén dos valores do emprendemento e do mundo da empresa, para poñer en valor a imaxe do empresario, asegurándolles que detrás do éxito “non sempre está necesariamente a sorte, senón o sacrificio e a perseverancia”.
A parte práctica da actividade correu a cargo de Nuria Iglesias, ex alumna do centro educativo visitante, que puxo en marcha Trendonme, unha iniciativa de ecommerce no sector téxtil que conxuga coa tenda física en Maricastaña.