OurenseÚltima hora

A Alameda do Cruceiro contará cun espazo de xogos de auga

Esta reforma fará que este parque sea o primeiro de caracter inclusivo de Galicia
Maqueta do proxecto.

Ourense contará, logo da aprobación do expediente para contratar as obras do proxecto de rehabilitación do parque da Alameda do Cruceiro, co primeiro parque inclusivo de Galicia: todas as áreas de xogos son para un espectro de usuarios activos desde os cero aos setenta anos. O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, relatou hoxe, 13 de xullo en rolda de prensa, as características do prego de condicións económico – administrativas dun proxecto que suporá un importe total de 735.000 euros e que terá un prazo de execución de catro meses desde o inicio das obras. “Actuarase sobre o construído, para devolver usos e para modificar as necesidades ao momento actual”, dixo o rexedor: “Debemos recuperar a oportunidade dos espazos verdes como lugares de convivencia a través do lecer activo fóra do sistema viario e as súas estridencias e, de ser posible, dun modo igualitario”.

O proxecto busca a oportunidade de abrir o espazo a dúas rúas, Concello e Cruceiro, eliminando barreiras físicas, mellorando a accesibilidade mediante a demolición de peches, así coma un achegamento a un espazo que quedou confinado por unha notable diferenza de altura: o da Rúa Progreso. Realizouse un esforzo ante as infraestruturas que todo espazo moderno e funcional necesita, deste xeito previuse a eliminación de todas as barreiras arquitectónicas existentes así como tamén a eficiencia enerxética da nova iluminación do parque como unha condición inescusable, incorporando equipos de calidade contrastada e gran rendemento.

O equipo redactor do proxecto tentou potenciar as entradas pasando dunha soa entrada accesible a dúas, ambas desde a rúa Concello. Unha vez dentro haberá cun paseo perimetral que enmarca no seu interior catro zonas de esparexemento totalmente diferentes pero algunhas delas moi vinculadas. Na parte superior do parque: A área de xogos para nenos de cero a seis anos existente demolerase para amplialo, incorporando xogos con accesibilidade para cadeira de rodas. Tamén na parte superior e, en sentido descendente ata a parte inferior cruzando durante corenta metros o parque instalarase unha tirolina dobre con chan de pradería e delimitado por dúas aliñacións de árbores que nun futuro darán unha imaxinaria sensación forestal. Na parte inferior desta zona haberá un espazo de xogos con cordas para acoller ata 8 nenos sentados ou ben de pé.

Haberá tamén espazo para xogos de actividade acuática para nenos desde 0 a 12 anos no que entren a xogar en espazo dotado de geysers, chorros, canóns e arcos de auga. Para eles previuse un espazo de 162 metros cadrados no que os nenos de modo libre xoguen coa auga, mesmo aqueles con mobilidade reducida, xa que non terán bordos, nin pendentes nin obstáculos de ningún tipo. A auga reutilizarase para ser continuamente achegada nun ciclo pechado. O resto do ano convértese nunha fonte nocturna cun equipamento de iluminación artística.

 

Plano do proxecto.

Por último, destinouse un espazo aos xogos tradicionais, que de modo simbólico van estar presentes con, o truco, o trompo, un circuíto das chapas e mesmo os xices para pintar no chan.

“En definitiva, a rehabilitación da Alameda do Cruceiro como parque lúdico sostense na manifestación de que ante o xogo todos somos iguais. O xogo é un elemento integrador, democrático, sociabilizador, habilitador de espazos de reflexión, faladoiro, descanso e actividade libre nunha contorna de marcado carácter positivo”, resumiu o alcalde de Ourense.

Contratación

A xunta de goberno local aprobou esta mañá o expediente para contratar, mediante procedemento aberto, o proxecto de adecuación e mellora das infraestruturas actuais á normativa vixente no polígono industrial das Coiñás. Para este contrato destinarase un importe de 718.000 euros. “Trátase dun proxecto moito máis ambicioso que a simple adaptación ás novas normativas: recolle melloras de accesibilidade, antigas demandas dos usuarios deste parque”, dixo Vázquez Abad.

Ademais, avanzaron na programación festiva do Nadal, aprobando senllos expedientes para contratar o deseño e produción de carrozas, así como para a dirección artística (organización e produción da animación para o desfile) da cabalgata de Reis da Cabalgata de Reis 2018, por importes de 27.000 e 60.000 euros respectivamente.

Por outra banda, adxudicouse o servizo de limpeza de dependencias municipais do Concello de Ourense a Onet-Seralia, S.A. por un importe de 810.000 € más 170.100 € en concepto de ive, dando un total de 980.100 € por ano. “Esta adxudicación baséase no cumprimento estrito da legalidade e dos informes técnicos no expediente que serven de motivación ao acto administrativo e o adxudicatario deberá presentar, no prazo de quince días naturais desde a notificación de la adxudicación, o plan de seguridade e saúde no traballo”, explicou o alcalde.

Tamén se aprobou o expediente para contratar, mediante procedemento aberto, o servizo de xestión de visitantes e atención ao publico dos espazos expositivos da sala Valente e do claustro de San Francisco por un importe global de 123.560,36 €, para os catro anos de duración do contrato, distribuídos a razón de 30.890,09 € anuais.

 

Artigos relacionados

Back to top button