EconomíaEconomíaGalerías de fotosÚltima horaViticultura

Alán de Val mencía e Luar do Sil, viños valdeorreses premiados na Cata de Galicia

O acto de entrega destes recoñecementos tiña lugar esta mañá na sede do consello regulador desta denominación

 

Esta mañá facíanse públicos os nomes das marcas valdeorresas galardoadas na Cata dos Viños de Galicia 2020 durante un acto celebrado na sede do CRDO Valdeorras. Trátase de dous viños: o premio ao mellor branco (Acio de Ouro Branco) foi para O Luar do Sil de Pago de los Capellanes S.A. e o premio ao mellor tinto (Acio de Ouro Tinto) recía en Alán de Val Mencía da Adega Alán de Val S.A.T.

Nas Catas de Galicia deste ano participaron un total de 348 mostras (125 de tintos e 223 de brancos), pertencentes a 143 adegas. No tocante á denominación de orixe Valdeorras, participaron 48 mostras pertencentes a 18 adegas.

Tras a entrega de premios, a enóloga de Pago de los Capellanes, Jessica Domínguez, amosábase encantada de recibir o premio, agradecíao e destacaba que este recoñecemento “é un premio de todos, somos un gran equipo. Son moi importantes tanto os viticultores como o equipo que temos na elaboración e, por suposto, a familia Rodero Villa que se namorou do godello e quixo apostar pola zona de Valdeorras”.

 

Jessica Domínguez, enóloga de Pago de Capellanes en Valdeorras.

 

Tamén Joaquín Sánchez, de Alán, agradecía o galardón e incidía en que se trata dun premio “especial, sobre todo polo feito de recibilo no consello regulador. Para min supón unha emoción porque levamos vinculados á D.O. dende 1993”. Así mesmo destacaba o potencial desta zona vitivinícola.

 

Joaquín Sánchez, da adega ruesa Alán.

 

Os galardóns eran recollidos polos representantes destas adegas, que estaban acompañados polo presidente do consello regulador, José Luis García Pando, quen agradecía a “perfecta organización do acto” que tivo en conta “todas as esixencias sanitarias necesarias na actualidade por mor da pandemia”.

Así memo, García Pando lembraba que o 2020 non foi un ano doado para viticultores e adegueiros, ao igual que para representantes doutros moitos sectores, e por iso “estes premios teñen nesta ocasión un valor moi especial, posto que poñen en valor o meritorio esforzo que se ten realizado para sacar adiante a colleita”.

Normalmente, o acto de entrega de premios da Cata de Galicia acostumaba finalizar cunha degustación de produtos de calidade galegos. Nesta edición non está sendo así polas medidas preventivas fronte ao Covid, pero os galardoados recibían unha cesta de diversos produtos con selo galego de calidade.

 

 

Entrega de premios na D.O. Ribeira Sacra esta tarde

Ademais, esta tarde tamén se entregarán os premios das DO Ribeira Sacra, mentres que o luns farase a entrega de acios á última denominación de orixe vitivinícola, a das Rías Baixas.

Finalmente, o xoves 19 de novembro desvelarase na Cidade da Cultura de Santiago a identidade do mellor viño branco e do mellor viño tinto da nosa comunidade neste ano 2020, ao tempo que se entregarán os Potes desta edición ás mellores augardentes e licores tradicionais de Galicia.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button