DeportesÚltima hora

Albert Montaner: “O noso propósito é traballar sempre en condicións seguras para usuarios e traballadores da estación de montaña”

Manzaneda arrancaba a tempada a pasada fin de semana con máis de 15 km esquiables, 21 pistas abertas e a limitación a 1.000 forfaits diarios

A Esttación de Montaña Manzaneda o día do inicio da tempada./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Con sol, máis de 15 km esquiables e 21 pistas abertas nunhas condicións inmellorables, a Estación de Montaña de Manzaneda reabría para a práctica de deportes de inverno ao aire libre a pasada fin de semana, apenas 15 días despois do cambio de empresa xestora. “Traballamos a contrarreloxo para poder poñer de novo en marcha a estación. Queremos agradecer especialmente ao persoal de MEISA o esforzo que realizou estas dúas semanas para poñer a punto a estación e poder arrincala canto antes. Hai que lembrar que vimos dun parón de actividade moi longo, desde marzo do ano pasado, con instalacións sen manter e a maior parte do persoal en ERTE” explica Albert Montaner, director de Artabria Turismo, a nova xestora, asegurando que están “moi contentos e agradecidos por todo o apoio recibido”.

Con todo, foi un inicio de tempada diferente polas circunstancias da pandemia e as limitacións de mobilidade en 60 municipios galegos, estando limitado o aforo a 1.000 forfaits diarios sen chegar a completarse: vendéronse 650 o sábado e 960 o domingo, cos accesos á estación controlados pola Garda Civil e a presenza de Cruz Vermella e Protección Civil de Trives e Manzaneda. “Lamentamos que a situación actual non permitise a moitos esquiadores gozar deste deporte, pero hai que ser prudentes. O noso propósito é traballar sempre en condicións seguras para usuarios e traballadores da estación, por iso abrimos cun aforo limitado. Neste arranque conseguimos que a operativa fose fluída e non se produciron grandes aglomeracións, salvo en momentos puntuais” indica o director. “Queremos agradecer a colaboración que mostraron os usuarios por manter en todo momento as medidas de seguridade fronte ao Covid. Os asistentes á estación foron en todo momento moi respectuosos e comportáronse de 10” finaliza.

 

Unha esquiadora en plena baixada./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Con respecto á vindeira fin de semana, o avance da previsión meteorolóxica fai prever que “non sexa posible abrir o venres 22 e sábado 23, pero si o domingo 24. Para reducir os tempos de espera adiantaranse os horarios de apertura de despachos de billetes e alugueiro de material ás 08:30” explican desde a estación.

A ese respecto, dende Artabria Turismo aseguran que continúan traballando para “poñer en marcha novos servizos que melloren a atención ao público que asiste á estación, como a venda on line. Isto evitará colas innecesarias” indican e engaden que a intención “é poder abrir a restauración da estación en condicións seguras, pero dadas as circunstancias actuais, isto aínda non foi posible”.

 

Artigos relacionados

Back to top button