En portadaGalerías de fotosÚltima hora

O alcalde do Barco, Alfredo García, novo presidente do Eixo Atlántico

Resultaba elixido, xunto á nova vicepresidenta, a presidenta da Cámara de Matosinhos Luisa Salgueiro, no decurso da Comisión Executiva desta entidade, celebrada no Barco

Renovación na directiva do Eixo Atlántico ata hoxe presidida polo presidente da Cámara de Braga, Ricardo Rei. Este era un dos asuntos abordados na Comisión Executiva desta entidade que se celebraba na mañá do 9 de novembro na Casa do Río Cigüeño do Barco. Nela participaban nove dos doce membros desta comisión, xunto secretario xeral do Eixo, Xoán Vázquez Mao.

O alcalde do Barco, Alfredo García, que ata o de agora era vicepresidente, pasa a ocupar a presidencia nos vindeiros dous anos, mentres que como vicepresidenta ten sido elixida a presidenta da Cámara de Matosinhos, Luisa Salgueiro. En ambos casos a decisión tomábase por unanimidade.

 

O alcalde do Barco, novo presidente do Eixo, xunto á nova vicepresidenta (segunda pola esquerda), Luisa Salgueiro, e ao presidente saínte, Ricardo Rei./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

No decurso desta xuntanza tamén se acordaba continuar traballando en cuestións como a das infraestruturas. En concreto, o presidente do Eixo, Alfredo García, citaba o ferrocarril Monforte-Ourense-Lugo, así como á liña de mercadorías para conectar Ourense e Lugo con Ponferrada, facendo fincapé na importancia da posta en marcha do porto seco de Monforte de Lemos. “É unha liña fundamental para a entrada e saída de mercadorías en Galicia”. E neste senso mencionaba o que pode significar a apertura do novo Canal de Panamá para os portos galegos e lusos, “que son os mellor situados”. Algo ao que tamén se refería á vicepresidenta, Luisa Salgueiro.

 

A presidenta da Cámara de Matosinhos e o alcalde do Barco, na rolda de prensa posterior á Comisión Executiva do Eixo no Barco./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Outra das cuestións analizadas era a importancia da coordinación entre Galicia e Portugal en materia de incendios forestais. “O acontecido no pasado outubro puxo de manifesto que é imprescindible esa colaboración. Imos encargar a elaboración dun plan de emerxencias que coordine a todos os operativos para a súa posta en marcha a ambos lados da fronteira”, adiantaba Alfredo García.

Durante o encontro decidíase asemade a nova capitalidade cultural do Eixo, que será a cidade de Santa María da Feira, así como a organización dun congreso o vindeiro 15 de marzo na Coruña co que se dará continuidade ao do pasado mes de xuño en Braga, dedicado á Axenda Urbana. “Neste novo congreso, con diversas mesas redondas e conferencias, elaboraremos un plan de acción con medidas concretas”. Por outra banda, en febreiro o Eixo celebrará a súa asemblea xeral en Maia onde se abordará o novo regulamento do Eixo.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Máis información e fotos:
https://www.osil.info/comision-executiva-eixo-atlantico-reunese-segunda-vez-no-barco/
https://www.osil.info/obra-plastica-de-trinta-novos-creadores-galegos-lusos-no-barco/

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close