ConcellosÚltima hora

O alcalde trivés renunciará ao cargo nun pleno extraordinario convocado para o 21 de decembro

Francisco José Fernández Blanco, da Agrupación Trivesa Independente, leva sete anos á fronte da Corporación deste municipio do oriente ourensán
Francisco José Fernández./ Foto: Carlos G. Hervella.

Despois de sete anos como alcalde de Trives baixo as siglas da Agrupación Trivesa Independente (ATI), Francisco José Fernández Blanco renunciará ao seu posto como rexedor e como concelleiro nun pleno que está convocado para o vindeiro xoves 21 de decembro ás 15h.

Nun comunicado feito público, Francisco José Fernández asegura que “as presións recibidas doutras administracións teñen provocado unha fenda no grupo, producindo a deslealdade dalgún concelleiro. Non sempre se ten respectado o papel do alcalde. Non todos os concelleiros de ATI entenderon a miña decisión de votar en contra dunha ilegalidade (da que advertía un informe xurídico) no consello de administración de MEISA”.

Entre outras cuestións, tamén asegura que marcha “satisfeito polo cambio dado na pola política cultural e turística, demostrando que gobernar non é só poñer farois e botar cemento. Con poucos recursos, a nosa oferta de ocio e deportes nada ten que envexar a de concellos con moitos máis cartos”. E marcha tamén “agradecido a todos os empregados municipais que teñen amosado a súa vocación de traballo para a veciñanza e a súa profesionalidade. Levo aprendido moito deles”.

Resalta que “foi un orgullo ser o alcalde da miña vila, e telo sido logrando unha maioría absoluta presentándonos como o que era ATI, un grupo de veciños que quería cambiar Trives”. Mañá manifestará a súa renuncia ante os membros da Corporación trivesa.

Artigos relacionados

Back to top button